Xoque Carbajal presenta a súa ópera-rock “Vox Populi” no Teatro Principal da Estrada

Trátase da primeira montaxe de gran formato deste tipo que se fai en Galicia | Nas súas primeiras actuacións contou cunha gran acollida

A obra reúne a doce actores sobre o escenario.

A obra reúne a doce actores sobre o escenario. / Redacción

Redacción

O actor estradense Xoque Carbajal visitou onte o consistorio estradense para presentar a última montaxe de Malasombra Producións. Xunto á edil Amalia Goldar remarcaron a boa acollida que está tendo a venda previa de entradas para “Vox Populi”, a gran ópera-rock ideada polo propio Carbajal que mañá a partir das 21.00 horas poderá verse no Teatro Principal da Estrada. Será a súa novena función despois da súa presentación inicial en Narón, tempo suficiente para recibir unha boa acollida por parte do público das vilas galegas polas que pasaron. “Estamos moi contentos. Cando estreas un espectáculo novo e diferente coma este non sabes como vai ir. De momento, en todas as funcións o público acabou de pé. Non sei se foi porque lles gustou ou porque por fin acabara”, bromeou o actor.

Carbajal tamén estará sobre o escenario, aínda que nesta ocasión cun papel pequeno. Sumase sen embargo como músico. “É un espectáculo complicado, con doce actores, vinte micros e música en directo. A pesar desa complexidade estamos resolvéndoo ben”, manifestou. “Esta é a primeira ópera-rock que se fai en Galicia e cremos que tamén a primeira que se leva a escena en España. Para nós e unha grande responsabilidade”, engadiu antes de poñer en valor o traballo que están realizando todos os integrantes desde proxecto que bebe das grandes óperas-rock dos anos 60 e 70 que se utilizaban para denunciar inxustizas ou criticar réximes. “Fala dos discursos populistas, de partidos que parecen que nos van arranxar a vida e que unha vez chegan ao poder se converten en réximes”.