Carboentes celebrou con festa o Santo Estevo

Tamén é o patrón na parroquia de Salto e máis nas lalinenses de Cadrón e Barcia

Procesión arredor da igrexa románica de Carboentes. Unha devota pasa o pano ao manto do Santo Estevo.   | // FOTOS: D.G.A.

Procesión arredor da igrexa románica de Carboentes. Unha devota pasa o pano ao manto do Santo Estevo. | // FOTOS: D.G.A. / Daniel González Alén

Daniel González Alén

A do Santo Estevo é unha celebración de inverno, vida a menos nos últimos anos, que malia ser o patrón en catro parroquias de Deza, xa só se ven celebrando con festa nas de Carboentes, en Rodeiro, e Cadrón, en Lalín. Mentres, os veciños de Salto, tamén no municipio de Rodeiro, e os de Barcia, no de Lalín, só lles teñen unha cativa celebración relixiosa sen nin sequera procesión e menos aínda foguetes e música como manda a tradición.

Carboentes celebrou con festa o Santo Estevo

Carboentes celebrou con festa o Santo Estevo / Daniel González Alén

Estivemos en Santo Estevo de Carboentes, unha das parroquias de maior superficie e habitantes do concello de Rodeiro, na festa do patrón que tivo notable concorrencia, con misa cantada polo párroco Alvito García Fente e de seguido procesión coa espléndida cruz procesional da parroquia diante e a continuación o santo patrón e a Inmaculada Concepción, arredor da igrexa co acompañamento musical dun grupo de gaitas, mentres se botaba abundante fogo. Ao remate algúns devotos tocaban co pano a imaxe do Santo e da Virxe, cumprindo coa tradición. No campo da festa, baixo a carpa que puxeron os da comisión, que tamén atendían o bar, houbo sesión vermú que animou o grupo Ritmo, que tamén actuou na verbena nocturna, e non faltou o xantar con festeiros nas casas. Non é esta do patrón a principal festa que celebra na actualidade a parroquia de Carboentes, senón a da Virxe do Rosario, que se vén festexando en outubro con varios días de celebracións relixiosas e profanas.

Aproveitamos a ocasión para admirar unha vez máis a igrexa románica de Carboentes, que pasa por ser unha das máis notables do municipio de Rodeiro e da comarca de Deza, da que coa axuda do párroco Alvito García Fente e dos veciños, vimos de publicar novos aspectos inéditos no anuario Descubrindo do Seminario de Estudos de Deza e tamén da súa capela gótica pertencente á casa de Remesar e do sepulcro con inscrición de Gregorio Janeiro, dos que tamén ofrecemos algúns apuntamentos, así coma dos escudos que garda no seu interior a pouco coñecida Casa de Remesar, e tamén da torre que existiu no lugar deste nome e da tulla do convento dos que quedan restos no lugar de Baroncelle.