O pleno extraordinario do Concello de Forcarei desestimou hoxe as alegacións formuladas ao expediente do proxecto de humanización da estrada provincial Soutelo-Covas (EP-7203) e aprobou –cos votos a favor do PSdeG-PSOE e BNG– a incorporación de remanentes municipais de 2021 para financiar parte desta actuación que permitirá levar a cabo unha mellora da mobilidade peonil na vía tamén coñecida como travesía da Igrexa. Os acordos adoptados na sesión supuxeron a incorporación de máis de 385.000 euros dos remanentes municipais de 2021 para esta estrada de Soutelo de Montes e subministros de enerxía eléctrica e combustibles, infraestruturas e actividades culturais, entre outros fins.

O Concello asinou coa Deputación de Pontevedra un convenio de colaboración para levar a cabo a citada humanización, que ascende a 345.823,89 euros. Forcarei financiará o 30% dos traballos, cunha achega de 103.747,17 euros de remanentes, e a Deputación asumirá o 70% da obra (242.076,72 euros).