Medio século da escavación da vila romana de Rodeiro

Abandonado e espoliado na actualidade, o xacemento de Porta de Arcos afronta un futuro incerto

Plano xeral da escavación de Porta de Arcos realizada no ano 1973.   | // FOTOS: MUSEO PONTEVEDRA E L.S.L.

Plano xeral da escavación de Porta de Arcos realizada no ano 1973.  | // FOTOS: MUSEO PONTEVEDRA E L.S.L. / Leila Sabbouh López*

Leila Sabbouh López*

A piques de cumprise medio século da primeira campaña de escavacións da Vila Romana de Fafián por parte do Museo de Pontevedra, o lugar fica totalmente abandonado e cuberto polo mato tras varias décadas de espoliación e incuria. Malia ser un dos xacementos da época romana máis importantes da Galicia central, ningunha das administracións parece decidida a intervir neste enclave arqueolóxico, agás a Deputación de Pontevedra que contempla a súa inclusión nun cativo e discutido programa de restauración e musealización de 18 enclaves galaico-romanos da provincia, que abrangue tamén o castro de Toiriz nesta comarca de Deza. .

Detalle do mosaico circular desaparecido da vila romana.

Detalle do mosaico circular desaparecido da vila romana. / Leila Sabbouh López*

Emprazada nunha ladeira do Val de Camba –a medio camiño entre o lugar de Outeiro de Fafián, ben coñecido pola súa torre-tulla e o lugar de Vilameá, non lonxe do castro de Aboldrón–, preto desta villa pasaba a antiga Vía Romana Braga-Lugo que discorría compartindo nalgúns tramos percorrido co Camiño de Inverno a Compostela.

Na escavación apareceron restos de columnas e capiteis.

Na escavación apareceron restos de columnas e capiteis. / Leila Sabbouh López*

Este territorio foi habitado dende tempos prehistóricos ficando como testemuños numerosos achados arqueolóxicos das culturas neolítica e castrexa, ademais de abundantes restos da romanización menos frecuentes nestas terras do interior de Galicia, feito que lle confire a esta vila romana de Porta de Arcos, unha excepcionalidade e importancia relevantes.

O xacemento arqueolóxico fica na actualidade cuberto polo mato e o arboredo.

O xacemento arqueolóxico fica na actualidade cuberto polo mato e o arboredo. / Leila Sabbouh López*

Os traballos da sondaxe comezaron sobre o terreo no ano 1969, existindo xa unha importante tradición oral sobre o lugar, do que se afirmaba que fora canteira para a extracción da pedra destinada a construír dous dos grandes pazos da zona. Realizáronse dúas campañas consecutivas, unha en 1972 e outra en 1973, aínda que se solicitaron permisos para dúas máis que nunca chegaron a ver a luz.

Entre o mato poden ollarse aínda os muros dalgunhas das construcións.

Entre o mato poden ollarse aínda os muros dalgunhas das construcións. / Leila Sabbouh López*

O equipo de investigación estivo encabezado polo entón secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén (1923-1981), axudado por Francisco Fariña Busto, varios integrantes do Seminario de Arqueoloxía e Historia da USC, ademais de bolseiros e moitos dos veciños dos lugares circundantes. Lamentablemente falta información da intervención arqueolóxica, como dos diarios da escavación e, pola contra, hai preto dun centenar centenar de fotografías pero sen ningún tipo de apuntamento que as contextualice.

Vasilla e cuncas atopadas nas escavacións que se mostran no Museo de Pontevedra.

Vasilla e cuncas atopadas nas escavacións que se mostran no Museo de Pontevedra. / Leila Sabbouh López*

O proxecto, que estivo financiado polo Museo de Pontevedra, tivo como resultado o achado de máis de 10.000 pezas de material arqueolóxico, consistente en cerámica galaico-romana de tradición castrexa, sigillata sud-gálica e hispánica, vasillas con pinturas e grafitos, restos de fundición con dous tipos de metal e cravos de ferro de suxeición das tégulas. No referente a estruturas, encontráronse dúas fases construtivas: unha pertencente a principios do século II co descubrimento dunha cociña co solo, o fogar e dúas dependencias, e outra datada no século III e principios do IV, coa localización dun mosaico circular, un muro de peche do recinto, tres estancias e unha canle semicircular feita con tégulas que faría a función de canalización e desaugue; ademais de dúas moedas de bronce da época de Antonino Pio e Galieno.

Descoñécese se houbo continuidade entre ambos períodos pero, con moita probabilidade, esta villa romana sufriu un cambio de dedicación evolucionando dende unha explotación agropecuaria inicial a un lugar de produción e transformación artesanal do metal. Tamén é de ter en conta o resultado do declive do imperio romano durante o século IV, que propiciou o desprazamento dos habitantes máis podentes dende as cidades ao medio rural, onde tiñan as explotación agrarias, pasando estas a converterse en lugares de residencia, como acreditan os impoñentes mosaicos achados durante a última fase máis propios do luxo dunha vivenda importante que dunha villa rural.

A totalidade dos achados foron trasladados e conservados en tres institucións diferentes: o Museo de Pontevedra, o Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS) e o Museo Lamazares de Rodeiro. Cabe destacar que moitos deles foron custodiados polos veciños das escavacións e algunhas das xentes que nelas traballaron, atopándose na actualidade dispersos polas casas veciñas á espera de seren catalogados e dados a coñecer. Sobra dicir que o estado de abandono no que ficou sumido este xacemento propiciou o seu espolio e a entrada de moitas pezas de incalculable valor no mercado negro do patrimonio.

Ao longo dos anos 80 e 90 xurdiu un novo interese por retomar as tarefas de escavación, que rematarían en traballos de limpeza e pequenas prospeccións e, curiosamente, vén figurando en todas as guías e publicacións sobre a historia e o turismo do municipio de Rodeiro.

Nos últimos tempos, son moitas as voces que se veñen alzando a prol da realización dun proxecto de recuperación que, comezando pola adquisición das terras na que se asenta o xacemento, garanta a conservación e posta en valor deste enclave único no Val de Camba. Pero non parece que nin o Concello de Rodeiro, nin Patrimonio nin a Xunta -a través da Concentración Parcelaria do Val de Camba, actualmente en fase final- teñan previsto actuacións neste eido, deixando así pasar unha ocasión de ouro non só para poñer os alicerces da recuperación e posta en valor deste senlleiro enclave arqueolóxico, senón tamén a da torre-tulla de Fafián, do castro de Aboldrón e os antigos camiños que os rodean, que corren perigo de perderse para sempre se, como se agoira, nada se fai por evitalo.

*Veciña de Fafián (Rodeiro)

Suscríbete para seguir leyendo