Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un bardo lalinense con cadeira na RAG

O escritor e profesor Gonzalo Navaza ingresa na Real Academia Galega como membro de número, após do pasamento do expresidente do organismo Xosé Ramón Barreiro

Navaza entra no salón de actos da RAG acompañado por Ana Romaní e Ana Boullón. | // MONCHO FUENTES

O filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza ingresou onte na Real Academia Galega como membro de número cun discurso dedicado á toponimia da súa terra de Deza. O novo membro do pleno da institución profundou na orixe e no significado dos nomes de lugar, unha especialidade na que se iniciou nos anos 80 do século pasado e na que hoxe é un reputado especialista. E fíxoo centrándose nos nomes de persoa nos topónimos de Lalín, o concello onde naceu hai 65 anos, tras rememorar o proceso que, nos albores do Estado das autonomías, facilitou a restauración da toponimia deturpada secularmente. Nomes de persoa na toponimia de Lalín, dispoñible en academia.gal, debulla máis de sesenta nomes que son parte dun vasto patrimonio inmaterial da cultura galega cuxo valor vai alén do patrimonial. “A toponimia ten tamén para nós unha dimensión identitaria e emotiva. Nela prodúcese o encontro de dous ámbitos que moven a nosa paixón: a terra e mais a lingua”, salienta nestas páxinas Gonzalo Navaza.

Gonzalo Navaza co a medalla e o diploma de académico. | // M. FUENTES Á. G.

O novo académico leu o seu discurso na sede da Academia tras entrar acompañado por Ana Romaní e Ana Boullón, as dúas académicas de máis recente nomeamento, nun salón de actos ateigado de público, entre o que se atopaban familiares, compañeiros, o conselleiro Román Rodríguez e o alcalde de Lalín Xosé Crespo, entroutros.. A sesión organizouse co apoio do Concello da Coruña. Antón Santamarina foi o encargado de darlle resposta en representación da institución na sesión extraordinaria pública. O actual coordinador do Seminario de Onomástica da RAG foi quen hai xa máis de corenta anos lle propuxera facer o traballo de campo para corrixir a toponimia da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional da provincia de Ourense e das áreas limítrofes, unha encarga que o hoxe profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo asumiu no tempo libre que lle deixaba o seu traballo naquel momento como docente no ensino medio. “A experiencia foi para min un auténtico máster na aldea, daquela un desiderátum que Xesús Alonso Montero recomendaba para os profesores que inaugurabamos a presenza do galego como materia no ensino non universitario”, lembrou un Gonzalo Navaza visiblemente abrallado.

O novo académico ocupa a vacante producida tras o pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década, a quen lle dedicou o comezo da súa intervención. “Grazas á obra de Barreiro, temos hoxe unha visión diferente de moitos aspectos clave da nosa historia, como o protagonismo popular na guerra contra os franceses en Galicia, o dos liberais galegos na revolución que conduciu ao Trienio Liberal ou a importancia do levantamento de 1846 na xénese do galeguismo político. Quen o tratou, ademais, pode dar fe da súa calidade humana”, glosou o seu sucesor na mesma cadeira no sinxelo acto celebrado na rúa Tabernas da cidade herculina.

Discurso sobre nomes de persoa da bisbarra dezá

Canto á toponimia de Lalín, Gonzalo Navaza puxo o foco no seu ingreso na RAG como membro de número naqueles nomes de lugar que teñen as raíces nun de persoa, como sucede co da vila e do concello, que fai referencia a Lallinus. Este antropónimo aínda tiña uso como nome persoal en Galicia na primeira metade do século X, o mesmo que o correspondente feminino Lallina. O caso do topónimo que designa o seu concello natal non é unha excepción. “Dun total de 379 entidades de poboación que recolle o Nomenclátor no concello lalinense, máis de sesenta denomínanse cun topónimo procedente dun nome persoal, unha proporción relativamente alta. Case todos os nomes persoais pertencen aos repertorios latino-cristiáns ou xermánico, algo máis numerosos os do primeiro, e a maioría teñen orixe na Idade Media, moitos nos últimos séculos do primeiro milenio, engade no discurso, no que analiza dende Alfonselle, Afonsín e Agrazán a Gate ou Goiás.

A Xunta de Galicia celebra o nomeamento

Tras o remate do acto, o responsable autonómico de Cultura Román Rodríguez trasladou as felicitacións da Xunta de Galicia ao filólogo e escritor lalinense, que ingresa na institución como novo membro de número para ocupar a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro, falecido en marzo do pasado ano. A Xunta lembra que Gonzalo Navaza é un destacado especialista en toponimia, profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e colaborador do Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde o ano 2012.

Compartir el artículo

stats