Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O colectivo que salvou á vila nunha década de escuridade

A fin da ditadura supuxo a creación da Asociación Cultural, un ente que durante anos apoiou a defensa da cultura na Estrada

CELEBRACIÓN DO “ENTERRO DA SARDIÑA” NA ACTUAL PRAZA DO MERCADO.

O 23 de xaneiro de 1979 o gobernador provincial aprobaba os Estatutos da Asociación Cultural A Estrada, polo que nacía legalmente una nova agrupación adicada á cultura. Nos primeiros meses, o colectivo estivo dirixido por unha xunta xestora que encabezaba o alcalde, Manuel Reimóndez Portela, e que estaba formada por membros estradenses do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT).

Nestes primeiros momentos de existencia, a recén creada Asociación Cultural A Estrada recibiu un importante apoio das institucións, chegando a obter subvencións por valor de 700.000 pesetas. Pouco duraría este episodio de bonanza económica, xa que 6 meses despois da súa fundación, o colectivo estradense celebraba as primeiras eleccións á xunta directiva da súa historia, o que acabaría ca marcha de Reimóndez Portela e coa chegada ó poder dunha xunta de xente nova, con mentalidade progresista e un claro acento nacionalista galego que arrasara nas votacións. Trala derrota nos comicios, Reimóndez Portela e o seu equipo decidiron, ademais de abandonar o mando da asociación, darse de baixa como socios da mesma, o que afectou directamente ás arcas da entidade. Coa marcha do anterior equipo directivo, as institucións deixaron de ser tan xenerosas co colectivo estradense, que comezou a sufrir problemas económicos que dificultaban a realización de moitas das actividades. Nestes primeiros momentos, trala marcha de Reimóndez Portela pasaron pola presidencia da Asociación Cultural Xosé Fondevila, X. Docampo e Manuel Rendo, que sería o principal dirixente do colectivo nos seus anos más activos.

Membros da Asociación Cultural da Estrada, durante unha manifestación pola defensa da lingua galega.

Durante a década de 1980, a Asoción Cultural viviu os seus anos máis prolíficos en canto a actividades. Nesta época, o colectivo chegou a celebrar un acto diferente cada semana. A entidade estradense mantiña un compromiso moi claro coa defensa da cultura galega e programaba eventos encadrados en disciplinas de todo tipo. A agrupación local organizou, por exemplo, unha manchea de actuacións teatrais e foron quen de traer á Estrada ás compañías máis relevantes do momento en Galicia. Tamén estiveron á orde do día as exposicións artísticas, os concertos, conferencias, montaxes audiovisuais, competicións deportivas ou as excursións culturais. Ademais, a Asociación Cultural tamén estaba moi atenta ós asuntos locais, que acostumaban a tratar en mesas redondas.

Cambiando o nome da Praza do Generalísimo por Praza da Farola.

Temáticas como “O lobo en Galicia”, “O derribo da Praza de Abastos” ou “Os embalses do Ulla” foron aspectos que a entidade estradense non dubidou en levar á palestra. O colectivo tamén impulsou e revitalizou varias festas populares que estaban caendo no esquecemento ou perdendo forza, como o Magosto ou o Enterro da Sardiña. En definitiva, a Asociación Cultural A Estrada foi un salvavidas cultural nunha época na que aínda predominaba, en gran medida, a barbarie derivada do franquismo e moitas das institucións traballaban arreo para evitar que agromaran certos pensamentos que permanecían baixo chave dende o comezo da Guerra Civil.

Unha viaxe de ida e volta

Nos anos 90 foron xurdindo outras asociacións na vila, máis específicas e sen un carácter tan xeralista como a Asociación Cultural. Ademais, o Concello tamén comezou a adoptar e organizar moitas das actividades que, ata entón, foran traballo do colectivo estradense. A entidade, que durante anos fora protagonista da única política cultural da vila, foi perdendo a razón de ser e, pouco a pouco, a súa vitalidade foise apagando, porque os seus responsables comezaron a decatarse de que, afortunadamente, xa non era tan necesaria como anos atrás. Arredor do 2009, logo dunha clara recesión política e cultural que levou ás institucións a deixar de asumir actividades que no seu día defenderan os colectivos, antigos membros da Asociación volveron unirse e fundaron a A.C. Vagalumes, entidade que aínda está en activo.

Compartir el artículo

stats