Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria estradense de Xosé Conde Corbal

Historia da íntima relación do pintor co municipio,onde encontrou inspiración, traballou e chegou a ter estudio propio

X. Porto Matalobos, L. García Alén, X. Conde Corbal e Máximo Sar en 1981 na I Festa do Viño en San Miguel de Sarandón (Vedra). //Fondo X. Porto Matalobos

A publicación en 2011 da Obra gráfica / Graphic work do pintor e gravador Xosé Conde Corbal (1923-1999), en dous excelentes volumes, veu ofrecernos esquecidas referencias á vida cultural estradense do último terzo do pasado século. No extenso currículo do artista, de imposible resume, figuran os debuxos que fora dando á estampa no xornal ourensán La Región, con textos de Vicente Risco, reunidos en 1961 na monografía El Orense perdurable, prologada por Ramón Otero Pedrayo e anotada por Xesús Ferro Couselo, e a colaboración con publicacións como Vieiros, de México, ou outros autores, entre eles o noso veciño Xosé Neira Vilas, quen en 1971 publicou nas edicións do Castro O cabaliño de buxo, con portada de Isaac Díaz Pardo e ilustracións do propio Conde Corbal. En 1987 expuxo no Museo de Pontevedra e no Museo do Pobo Galego “O fardel da Guerra”, conxunto de gravados que, como o autor diría, “contén unha visión da Guerra en Galicia e do rastro de loito e terror que a acompañou”, con títulos como “Enrique Líster”, “Fusilamento de Bóveda” ou “Expulsión dos mestres republicanos”. A súa obra foi ademais obxecto de variados estudos, como o da profesora Carol S. Meier, da Bradley University, nos Estados Unidos, publicado na revista Grial (70, 1980) baixo o título “Xosé Conde Corbal e a estética do gravado: unha reforma do ollo por medio da deformación da liña”. Nas páxinas da referida Obra gráfica inclúense outros traballos da mesma autora, destacando entre eles “Conde Corbal e o esperpento de Valle Inclán”.

Na Estrada, o artista debeu expor polo menos en tres ocasións: no Recreo Cultural en 1966 e 1973 e na Casa do Concello en 1972. Así mesmo, Conde Corbal realizou por aqueles tempos unha serie de traballos sobre o Pazo de Oca e outros monumentos de concellos próximos, como a igrexa de Santiago de Taboada (Silleda) e o Pazo de Des (Lalín), postos ao alcance do público na citada edición da Obra gráfica. Na cronobiografía incluída no seu segundo volume alúdese tamén o cartel “Canteiros de Cerdedo”, de 1977, que, como veremos, se destinou a anunciar a II Festa do Canteiro. Agora que se aproxima o centenario deste artista da pintura e do gravado, nacido en Pontevedra en 1923 e falecido en Vilagarcía de Arousa en 1999, pode ser un bo momento para a lembranza daquelas relacións, a miúdo ben estreitas, entre A Estrada e Xosé Conde Corbal.

Catálogo da mostra de Conde Corbal no Casino da Estrada no ano 1966. //Fondo X. Porto Matalobos J.A. porto Taboada

En 1966, tal como se indica na mencionada cronobiografía, “expón na Caixa de Aforros Municipal de Vigo as acuarelas que xunta co título “Xentes do mar”. Leva a exposición á Estrada e ao Ateneo de Pontevedra. Na Estrada expón concretamente, na semana do 20 ao 26 de xuño, no Recreo Cultural, ou Casino, sendo un vello amigo seu, Xosé Porto Matalobos, directivo da entidade, que presidía Salvador Cusidó Franco. Nunha fotografía reproducida no primeiro tomo da Obra gráfica vense, na actual praza de Galicia, onde tiña a súa sede o Casino, o artista e o directivo (identificado erradamente como “Manuel”) no momento do traslado dos cadros desa exposición, que incluía no seu catálogo títulos como “Mulleres mariscando”, “Procesión do Carme”, “Homes con redes en Combarro”, “As nove ondas na Lanzada” ou “Dornas ao solpor”, ademais dalgunha obra de temática diversa, como “Meigallo no Corpiño”, con referencia no famoso santuario mariano de Santa Baia de Losón (Lalín). FARO DE VIGO informaba sobre a exposición o 21 de xuño, reproducindo o cadro, e o día 23, dando conta do acto de inauguración.

No ano seguinte, 1967, Conde Corbal ilustra, con deseños seguramente realizados na Estrada, algúns relatos publicados por Xosé Porto Matalobos no xornal compostelán La Noche: “O xenro da Rocheira está de luto” (18 de maio), con dúas estampas mariñeiras; “O filósofo da Torrevella” (4 de agosto), cunha escena de homes nunha taberna, e “O señor Breixo” (17 de outubro), coa imaxe do vello protagonista, de costas, mentres avanza por un camiño co seu bastón e o seu can.

Que na Estrada tamén traballou a súa arte, recoñéceo Conde Corbal en entrevista publicada o 4 de xullo de 1968 no xornal lucense El Progreso. Á pregunta sobre a súa residencia habitual, responde: “Podemos decir que es en Orense, aunque trabajo en casi toda Galicia. Así, por ejemplo, tengo estudios en La Estrada y Marín.”

Como xa anticipamos, en 1972 realiza unha nova mostra na Estrada. Así o recolle a cronobiografía: “Expón a Obra gráfica. Valle Inclán, en Ourense, en xuño. En outubro expón na Estrada, tamén obra relacionada con Valle.” Tratábase dunha colección de gravados inspirados efectivamente na obra de ambiente galego do escritor de Vilanova de Arousa, exposta nesta ocasión no Salón de Plenos da Casa do Concello. Uns meses despois, segundo se le en La Voz de Galicia de 19 de xaneiro de 1973, expón novamente na Estrada: “Para los próximos días 2, 3 y 4 de febrero, se anuncia la celebración de una nueva exposición de grabados de Conde Corbal. Esta vez será realizada en el Casino, donde estamos seguros que habrá de obtener los mayores éxitos, debido a la calidad de la obra.”

Pasados uns anos, o 4 de novembro de 1976 Xosé Porto Matalobos publica no xornal El Correo Gallego o artigo “Conde Corbal”, unha aproximación ao artista e á súa obra: “Así, pode dicirnos don Ramón Otero Pedrayo, cando fai o prólogo daquel libro de debuxos titulado El Orense perdurable, saído do prelo no ano 1961, que “a expresión xa clásica e consagrada -de Conde Corbal, naturalmente- contén unha profunda e constante verdade baixo a xentil ironía exterior”, mentres que Carlos Casares, algún tempo despois, asegura que os protagonistas de todos e cada un dos debuxos deste artista ofrecen “a imaxe xusta do seu tráxico papel”.” E sobre o seu espírito de constante indagación artística, dirá: “De tal maneira, calquera día podemos encontrarnos con Pepe repasando libros no Museo de Pontevedra, pintando o arco de certo soportal na zona viguesa do Berbés, na praza da Ferrería pontevedresa, na Fonte do Ferro ourensá ou no propio Toural santiagués. En Madrid, na Coruña, na luguesa Rúa Nova, polo peirao de Marín ou debuxando en Caldas de Reis a saída da misa grande dalgún domingo soleado.” Ou no mesmo Pazo de Oca, podería engadir. Un mes máis tarde, o 8 de decembro, en artigo dedicado ao poeta Uxío Novoneyra, Porto Matalobos rememora novo encontro co artista: “foi alá en Lugo, pola mediada hora de calquera serán, cando chegamos a darnos unha aperta, fonda, entre suspiros de cuncas de viño branco. Lémbraste que estaban Elba e máis Ana, e tamén o pintor Conde Corbal?”

E se en 1976 Porto Matalobos publicaba en El Correo Gallego (22 de outubro) un artigo de apoio á I Festa do Canteiro, en Cerdedo, en 1977 asina no Faro de Vigo (3 de agosto) unha completa crónica sobre a segunda edición do evento, confirmando ademais o que xa adiantamos: “Conde Corbal pintara o cartel anunciador.”

Novo xesto solidario do artista con outra festa en concello veciño producíase en 1981. O xornal La Voz de Galicia daba conta na súa edición de 24 de marzo de tal ano da celebración dous días antes, domingo, da I Festa de Exaltación do Viño da Ulla en San Miguel de Sarandón, no concello de Vedra, que incluíra un certame enolóxico cun xurado que integraran Luciano García Alén, Máximo Sar, Xosé Conde Corbal e Xosé Porto Matalobos.

Agora, cando se aproxima o centenario do nacemento do grande artista galego que é Xosé Conde Corbal, sirva esta breve memoria para deixar constancia da súa íntima relación coa Estrada, onde encontrou inspiración, onde traballou e chegou a ter estudio propio e onde expuxo as súas obras en repetidas ocasións. Sen dúbida, haberá estradenses que aínda conserven nas súas casas algún cadro do excelente artista.

Compartir el artículo

stats