Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Veiga celebra o patrón San Ramón con dous días de festa

Desciframos un relevo e unha inscrición na igrexa e no cruceiro

Na igrexa da Veiga gárdanse tres imaxes do San Ramón Nonato. | // FOTOS: D.G.A.

A parroquia lalinense de San Ramón da Veiga celebrou dous días de festa honrando ao seu patrón, comezando cun adianto o pasado sábado 27 de agosto, con actos relixiosos que contaron co acompañamento da Banda de Música de Muimenta, que aquí é coma se tocara na casa, que ofreceu tamén un concerto na sesión vermú e outro pola noite, para dar paso logo aos da Charanga Ardores, que amenizaron a verbena co DJ Nelucho.

Nos dous días de festa houbo música e verbenas.

Logo de catro xornadas de pausa para se recuperar da festa, o propio día do San Ramón, o mércores 31, volveron ter celebración con actos relixiosos, desta co acompañamento musical da Agrupación Cultural Carballo da Manteiga, que tamén actuou na sesión vermú. Cando rematou o xantar nas casas, ben entrada a noite, o omnipresente Pachi Show fixo bailar a todos coa súa música, ata altas horas da madrugada.

Igrexa e cruceiro forman un harmonioso conxunto.

Na comarca houbo numerosas festas dedicadas ao San Ramón Nonato, as máis delas no concello de Vila de Cruces, das que xa nos temos ocupado noutras ocasións, coma as grandes romarías de Gres e Portodemouros, adiándose a festa na parroquia lalinense de Gresande para o sábado día 3, ao igual que na de Margaride de Silleda. Perdéronse as festas noutras moitas onde aínda permanece a imaxe deste santo milagreiro nos seus retablos e aínda unha capela en Zobra, logo de que a devoción a este santo fora promovida polos mercedarios a partir do século XVIII, sendo o patrón dos partos, dos nenos, das preñadas e persoas falsamente acusadas.

As fotogrametrías da igrexa e do cruceiro feitas por Álex Negreira.

Un relevo e unha inscrición

Aproveitando a visita a esta parroquia examinamos senllas inscricións que hai no lintel da porta lateral da igrexa e no pé do cruceiro, que a erosión e os liques non permiten ver con detalle, e que logramos descifrar coa axuda do amigo Álex Negreira, que lles fixo unha fotogrametría a ambos. O primeiro relevo que estudamos, foi o que aparece no lintel da porta lateral da igrexa neoclásica, que fai referencia á orde dos Mercedarios, cunha custodia coma a que leva de atributo o San Ramón Nonato, a quen está dedicada a igrexa, e sobre esta, aparece gravada unha cruz equilátera, ambas figuras enmarcadas por dúas liñas curvas. No cruceiro procesional que está fonte á igrexa, e que debeu ser feito cando a esta, campan as imaxes de Cristo e a Virxe e na base os símbolos da paixón coa coroa de espiñas e a escada, as clásicas da píntega e da caveira e a inscrición: AÑO DE 1855, ECHA DE LA MANO DE FRANCISCO OTERO.

A Veiga celebra o patrón San Ramón con dous días de festa

A Veiga é unha pequena parroquia creada en 1893, logo de pertencer os seus lugares as de Goiás (A Ponte, A Veiga e O Santón) e Moimenta (Carballeda), que non chega agora ao cento de habitantes que superaba ata finais do século XX con certa folgura, malia os importantes avances habidos no sector agrario, coa ampliación de praderías en terreos gañados ao monte, e moitas explotacións dedicadas ao gando vacún leiteiro. Nativo da parroquia que ergueu non hai moitos anos, un monumento aos seus canteiros, foi o lingüista César Oro García (A Veiga, 1924-Washington, 2013).

A Veiga celebra o patrón San Ramón con dous días de festa

Da parroquia, do seu pequeno castro no que se atoparon varios obxectos da época coma un muíño de man que ten un veciño adornando o piar dunha cancela, do seu rústico peto de ánimas, dun curioso gravado nunha casa do lugar da Veiga, dun sepulcro medieval e un o petróglifo con cazoletas en Carballeda, dos muíños, hórreos e pombais, e outras construcións populares, xa temos tratado noutras ocasións.

Compartir el artículo

stats