Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel López Rodríguez | Poeta

“Adoro facer cousas diferentes, camiñar por sendeiros onde nunca pousara o pé”

O escitor noiés foi nomeado no día de onte gañador do premio Avelina Valladares

Pie de foto para la fotografía de Faro. / FDV

Coma quen vai a un bo restaurante e recibe un bo trato, Manuel López decidiu repetir no premio de poesía Avelina Valladares e, ao igual que na edición pasada, resultou gañador. Esta vez levouse o triunfo co poemario O cemiterio. A néboa, obra que foi elexida gañadora por decisión unámine dos xuíces do certame entre os 38 traballos que se presentaron. Este poeta, apaixonado da literatura de experimentación e da busca de novos camiños na poesía, estase volvendo afeito a conquistar xurados por toda Galicia nos últimos anos.

–Segunda vez consecutiva que gaña este galardón. Esperábao?

–Non. Para nada. Foi unha gran sorpresa.

–Ao igual que na anterior edición con “Para que non me esqueza”, decidiu empregar una fórmula novidosa dentro da súa obra.

–Sempre o fago. O que máis me interesa da arte en xeral, e moi en especial da literatura, é a experimentación e o estudo. Gusto de chamarlle “traballo de laboratorio”. Adoro facer cousas diferentes, camiñar sendeiros onde nunca pousara o pé.

–Que destaca do argumento de "O cemiterio. A néboa"?

–Quizais o xeito no que deseñei a rede que forma o poemario. Quixen que o lector fose partícipe do que no libro acontece. Polo demais é unha obra escura cuxa trama ten lugar nun cemiterio.

–É a experimentación da súa poesía unha forma de diferenciarse?

–Non. Non é un xeito de marcar distancia con outros autores. É o que gusto de facer. Pregunto: que outra cousa é a literatura? De non tentar rachar co anterior e crear algo novo cal sería o mérito? Repetir o que xa fixen? Poñer a literatura a servizo dos diversos discurso e a propaganda? Cómpre abrir novas fendas, escribir algo que aporte algo. Son moi ambicioso nisto.

–Pese á continua busca de novidades na súa poesía, non se decidiu por abandonala cara outros xéneros. Por que?

–É o xenero que domino. Levo escribindo poesía desde os 15 anos. É certo que desde hai un tempo traballo algo coa fotografía, coa pintura, incluso co vídeo, mais na poesía é onde maís cómodo me sinto.

–Este premio supón un aporte económico e a publicación da obra na nunha editorial. É o segundo máis importante?

–Sen dúbida. Todo libro é escrito para ser publicado.

–Nos últimos anos comezan a acumularse os premios e os recoñecementos. Acadou a plenitude de madurez na súa escritura?

–Non sabería responder a isto. Coido que esa plenitude nunca se acada. A arte é un gromo constante de frustracións. Nunca estás todo o satisfeito que deberías con aquilo que creas. Quizais por iso segues. Non sei. Creo que teño moito por facer aínda, moitos camiños que percorrer, etc.

–Como compaxina a escritura dun número tan grande de obras co seu negocio?

–Supoño que durmo pouco. Ao traballo que me dá de comer dedícolle unhas dez horas diarias, outras cinco a durmir e outras cinco a escribir. Aínda sobran catro horas para a familia ou mesteres varios.

–Que lle espera de cara ao futuro? Volverase presentar ao Premio de Poesía Avelina Valladares?

–Seguirei a escribir como non pode ser doutro xeito. Sobre este certame da Estrada coido que vou descansar. Agardo asistir para o vindeiro ano, mais como público.

–Foi 2020, a pandemia e a corentena un punto de inflexión?

–Non. Para nada. Levo escribindo desde que era un adolescente. Quizais agora cadrou que viñesen todos estes premios. En realidade cada libro é ese punto de inflexión no que procedo a rachar co anterior feito.

Compartir el artículo

stats