Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tesouros de Terra de Montes

O antigo legado da parroquia de Tomonde

O colectivo Capitán Gosende descobre unha mámoa en Cerdedo-Cotobade e sitúa nos predios coñecidos polo Bosque unha lubre antiga

Mámoa II da Veiga das Arcas, descuberta por Capitán Gosende.

O domingo 24 de xullo, membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos á aldea de Tomonde (na parroquia cerdedesa do mesmo nome) para dar coa localización do túmulo (ou túmulos) que orixinaron o topónimo Veiga das Arcas. Na actualidade, na Veiga das Arcas de Tomonde, o catálogo de Patrimonio só contempla a existencia dun xacemento neólitico: a Mámoa da Veiga das Arcas (coordenadas.- X: 549.203; Y: 4.713.984; GA36011061).

A mámoa catalogada posúe, 6.000 anos despois, uns 18 m de diámetro. Non presenta foca de espoliación, senón unha gavia que a atravesa diametralmente. O monumento megalítico apenas conserva a prominencia orixinal, achanzado pola intensa e ininterrompida actividade agrícola e forestal. Así e todo, consonte o acreditado testemuño da señora Anita, veciña do lugar, o recanto da leira onde se sitúa a mámoa xamais foi obxecto de labra ou cava, xa que “no dicir da xente, todo eran laxas”. Deducimos que in illo tempore, o moimento foi profanado por ladróns de tumbas ou por “ciprianillos” devezosos do ouro dos mouros. O seu profuso labor de escava deixou ao descuberto e mesmo derrubou os ortostatos da cámara funeraria. Os bloques de pedra á vista inspiraron o topónimo Arca, no canto de mámoa, mama ou medorra (tetiña), que se empregan naquel territorio para denominar o avultamento do terreo, propio destes depósitos arqueolóxicos. Hogano, o sitio cóbrese de vexetación herbácea e arbórea. O pedrullo e a reballada da coiraza afloran nalgúns puntos da súa superficie, mesturándose cos cachotes e perpiaños (entullo) provenientes da derruba recente dunha construción tradicional.

Como expuxemos ao comezo, a nosa xeira en Tomonde non só tiña por obxectivo comprobar o estado de conservación do túmulo catalogado, senón tamén dar co paradoiro do xacemento ou xacementos que xustificasen o topónimo Veiga das Arcas (en plural). A conversa coa señora Anita foi esclarecedora. A veciña lembraba outra prominencia, na mesma Veiga das Arcas, que ao parecer tampouco se traballara nunca: “sempre estivo cuberta de matogueira, e hoxe de carballos novos; polos lados botábanse millo, patacas...”. Acompañados por esta amabilísima veciña do Cachafal, puxémonos en marcha sen demora.

Mámoa I da Veiga das Arcas catalogada por Patrimonio.

A uns 125 m ao sueste da primeira mámoa, na carballeira da Veiga das Arcas, batemos coa segunda mámoa. A mámoa II da Veiga das Arcas aínda mantén parte da prominencia orixinal (máis de 2 m de altura no cimeiro). Non advertimos unha clara foca de espoliación, mais é evidente que, no pasar dos séculos, os labores agrícolas fixeron desaparecer os dous flancos do túmulo, que hoxe acada, NL-SO, os 15 m de diámetro e, NO-SL os 7 m. Documentamos grandes pedras prismáticas, xa pousadas na superficie da coiraza, xa reutilizadas nos valados inmediatos. Os afloramentos de pedrullo e rebos son numerosos. Coordenadas da Mámoa II da Veiga das Arcas.- X: 549.274; Y: 4.713.880; alt. 530 m.

Ortostato visíbel da Mámoa II da Veiga das Arcas.

As mámoas I e II da Veiga das Arcas localízanse á beira dun antigo camiño, o camiño da igrexa (hoxe, asfaltado, e en paralelo á estrada) que pon en comunicación as aldeas de Tomonde e da Vilalén, poboados da mesma parroquia, afastados pouco máis de 1 quilómetro. Probabelmente, tan antigo coma o camiño que discorre á beira das mámoas é o chamado camiño dos defuntos. Dende A Vilalén, casarío fundado ao pé dun castro, as comitivas fúnebres dirixíanse á igrexa e cemiterio de Tomonde cruzando no fondal o regueiro de Ramil. O tintinar da campaíña da capela do San Cibrán (edificada na croa do castro da Vilalén) acompañaba o cortexo ladeira abaixo (até a pontella do Portabeaca) e ladeira arriba, polos Chaos dos Muíños, pola Cañoteira, polas Arcas e até a intersección de camiños coñecida pola Cruz. Alí, os esforzados portadores (ou portadoras) facían pouso obrigado ao pé da cruz, ao tempo que o badalo da parroquial de Tomonde tomaba o relevo. Co portacadaleitos (“os ferros”) de novo no ombreiro, e enfilando o adro, os portadores atravesaban o linde norte da Veiga das Arcas (a uns 25 m da mámoa 1) por un camiño de pés no que rexía unha servidume “funeraria”. Os propietarios da leira (A Escabeta) debían franquear o portelo e, no tempo, segar o millo ou o centeo, para evitar que o séquito mortuorio lles tripase a més.

Capitán Gosende ofreceu noticia de 11 mámoas inéditas na comarca de Montes

No pasar dos anos, Capitán Gosende ofreceulles noticia de 11 mámoas inéditas na comarca de Montes. En Cerdedo descubrimos 9: dúas en Pedrouzos, do lado de Castro (Pedrouzos III e IV); dúas no Castriño (VI e VII), entre Mamoalba e Fondós (Quireza); unha en Vilarchán; unha en Cuíña (Quireza); unha na necrópole do Campo dos Cans (Outeiro dos Corvos IX) (Tomonde); unha mámoa en Portugal (Figueiroa), e estoutra mámoa de Tomonde (Veiga das Arcas II). En Cotobade descubrimos 2: os dous xacementos localizados na parroquia de Caroi (As Zacoteiras IV e Chan do Caveiro).

O número de tumbas neolíticas inventariadas no antigo concello de Cerdedo ascende agora a 54, aínda non todas catalogadas por Patrimonio.

O Vello e a Vella queimábanse na carballeira do Bosque

Alí onde os de Tomonde chaman O Bosque, existe na actualidade unha carballeira nova, porén (compróbese na fotografía do Voo Americano de 1956-7) os vivos de Tomonde non lembran naqueles predios arboredo ningún: “Ao Bosque non lle recordamos árbores; O Bosque era unha agra”. A toponimia é teimuda, polo que non dubidamos que a fraga do Bosque existiu nun pasado remoto. A súa fronde foise esvaendo na néboa do tempo, así como os rituais vencellados ao sitio. Evocativo misterio.

Hai xa vinte anos, n’O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo publiquei o artigo “Espantallos de voda”. Nel referíame aos estudosos Taboada Chivite (Etnografía galega. Cultura espiritual, 1972) e a Rodríguez Fraiz (Santa Mariña de Tomonde, 1992). Ambos os dous escolmaron do folclore de Tomonde a antiga ritualidade do Vello e da Vella. Taboada Chivite asociábaos á festividade dos Reis (ciclo do Nadal), mentres que Rodríguez Fraiz, tomondés ilustre, os describía como selleiros personaxes do Entroido local. Eu, pola miña banda, engadín a intervención do Vello e a Vella na festividade do San Xoán, nun ritual propiciatorio das colleitas: “Cando o froito madurecía nas leiras, os labregos, para manteren afastadas as aves granívoras, chantaban por entre o cereal unha lexión de monicacos na cruz. En Tomonde, acostumábase a espetalos por parellas: unha parella por cada agro. Un boneco era vestido de home (o Bousán) e outro, de muller (a Bousana). Mais, antes de se ocuparen na espantadeira, uníanos en matrimonio. Un veciño facía as veces de cura, outros, de parentes e testemuñas. Alguén falaba polos noivos, que remataban por se dar o si, e mesmo lles acaroaban as cacholas para o bico. Tras a cerimonia, os participantes berraban: ‘As vodas de Bousán e Bousana que rin un día e choran unha semana!’”.

Recreación do casamento dos Vellos. Ana Santiso

Este casorio de vellos (que remataba en lupanda comunitaria) formalizábase arredor da Pedra da Veiga do Chao, un bolo granítico sinalado cun gravado prehistórico, que facía de altar (Léase: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, 2017). Ao fío, as parellas de Tomonde que ordenaban casar tiñan que doar uns feixes de palla para compoñer, ao ano seguinte, os Vellos que se queimaban no Entroido. De os noivos non cumpriren, orghanizábaselles unha cinzarrada.

A señora Anita tamén nos puxo en conexión o rito do Vello e da Vella coa lubre desaparecida do Bosque, onde os Vellos eran conducidos para a súa cremación:

“O costume do Vello e da Vella cadraba co San Xoán e co Nadal, as noites do 24, pero sobre todo facíase polo Entroido; tiña varias datas. A do San Xoán e a de Nadal deixáronse antes de facer. Os Vellos do Entroido desapareceron na ditadura, mediada a década dos cincuenta. O martes de Entroido celebrábase moito; era impresionante; as comidas: filloas do cacho, da pedra; cacheira... O martes de Entroido, as mozas e os mozos do lughar facían os tales monecos; facíanos con palla e con farrapos, con roupa vella que había polas casas. Ao Vello vestíano cunha chaqueta de pana dos ‘titiribuelos’; era máis remendos ca chaqueta. Facían unha cruz cuns paus e íanlle atando palla coma se fosen espantallos. E despois, na cabeza, púñanlle un pano ou unha pucha ou un chapeu. A cara dos Vellos era dun trapo; facíanselles os ollos cun anaco dun carozo dos reis, do maís do corvo; para a boca, un gharabullo atravesado...; e prás mans, deixábanselles por fóra das mangas os cotos da palla. Os Vellos aínda che eran ben altos. Os espantallos ghardábanse nun cuberto até a noitiña do martes. Á hora convinda, un mozo encarghábase da Vella, e unha moza do Vello. Armábase unha procesión. Uns cantaban outros berraban. A comitiva avanzaba polo camiño de Fraghuas, despois polo da Cortiña Vella, e despois xa collía o camiño do Bosque. E alí no Bosque, no bordo mesmo do barranco, des onde se divisaba o lugar da Vilalén, a xeito de burla ou desafío, queimabámolos. Os da Vilalén ben nos escoitaban, ben miraban como lles queimabamos os Vellos”.

Xornada frutífera a de Tomonde. Haberemos recuncar. Así e todo, traballo feito non corre présa, xa que, como ben dixo a nosa sabia informante: “As tardes de aghosto vanse coma lóstregho”.

A lubre do Bosque na actualidade.

 

 

Compartir el artículo

stats