Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Á procura dos restos da antiga igrexa de Fafián

Na parroquia foron localizados tres sepulcros e un par de laudas e dinteis

Sertego na reitoral. Daniel González Alén

A igrexa parroquial de Santiago de Fafián, nas terras de Camba, foi románica como tantas outras da nosa comarca, condición que perdeu en boa parte ao ser reconstruída e ampliada no estilo barroco imperante no século XVIII. Xa antes, na época medieval, sufrira reformas na cabeceira para acomodar os enterramentos nobres dos moradores do pazo de Trasulfe e doutras familias fidalgas da contorna. Da primitiva igrexa románica conserva a actual algúns vestixios, como o arco triunfal, refeito e sen capiteis; a ringleira de variados canzorros baixo a sopena do tellado, con sinais de ter sido mutilados; o rústico tímpano pentagonal dunha porta lateral e a pía bautismal, que leva décadas no medio do cemiterio. Moi interesantes son os tres retablos barrocos, e máis aínda as pinturas murais con motivos bíblicos que se agochan detrás do principal. Coa axuda dos nosos colaboradores e informantes da parroquia, localizamos tres sepulcros de pedra, varias laudas con escudos e un par de linteis que deberon saír da antiga igrexa de Fafián, sendo todos estes elementos reutilizados en diversas construcións veciñais, como as que describimos a continuación.

Capela do Pazo de Trasulfe. Daniel González Alén

O primeiro dos sartegos saídos da igrexa parroquial localizámolo no interior da coñecida por casa do Mariano, un verdadeiro museo particular que garda pezas arqueolóxicas de distintas épocas e multitude de obxectos con valor etnográfico, que os propietarios souberon poñer a bo recado e liberalas da destrución e a rapina. Trátase dun dos sepulcros de maiores dimensións de cantos temos ollado na comarca, superando dabondo os dous metros de largo, o que, xunto cos gravados que o adornan, fan del un notable exemplar de tomba medieval, que coidamos debeu pertencer a un personaxe destacado da parroquia, quizais morador do pazo de Trasulfe, a cuxa capela do San Bieito foron parar varias laudas sepulcrais con brasón dos López Varela, saídas da igrexa cando se procedeu á súa reforma.

Un dos sartegos serve de pía para a fonte pública. Daniel González Alén

Os outros dous sepulcros gardábanse ata hai pouco na casa reitoral, mesmo a carón de igrexa. Un deles facía de pía do gando que se enchía coa auga dun pozo artesán. O outro foi levado desta casa agora en ruínas e a piques de derrubarse, para facer de pía á fonte que hai onda o cruceiro, para a que tamén se aproveitou o pé de moa dun muíño castrexo circular que sostén o cano. Os dous sepulcros carecen de ornamento, e mesmo semella que foron reformados para facer de pía, e poida que as laudas correspondentes formen agora parte do lousado da igrexa.

Curiosos gravados

Ben curiosos son dous gravados que coidamos puideron saír da igrexa parroquial e foron parar á coñecida como Casa Grande, no lugar de Vilachá, para ser reutilizados na ampliación desta vella casa que foi de labregos podentes e curas, emparentados cos fidalgos do pazo de Camba, dos que un deles, de apelido Calvo, foi párroco de Fafián. Os gravados máis interesantes están no perpiaño da xamba dunha porta que dá á solaina da casa e mostran dúas figuras humanas policromadas en actitude orante, que coidamos que poden representar ánimas do purgatorio.

Gravados na solaina dunha casa de Vilachá. Daniel González Alén

Máis abaixo están outros dous gravados coa figura dunha serpe e un galo, dous animais bíblicos, xunto co nome de BERNARDO CALVO e a data 1754. No lintel da porta principal da casa, hai outra inscrición gravada coa sinxela inscrición AÑO DE 1671 e no medio unha cruz latina, que non sabemos se foi feita ex professo para a casa ou traída da igrexa.

O sepulcro do Outeiro. Daniel González Alén

Estes achados poden axudar a dar algunha luz acerca da historia desta parroquia de Rodeiro, que ten como monumentos singulares a torre da Tulla de Outeiro e o seu notable conxunto de construcións populares, o artístico pazo de Trasulfe e a senlleira vila romana de Porta de Arcos, aos que, coa axuda dos nosos colaboradores que foron nesta ocasión Alex Negreira, Pablo Sanmartín, Leila Sabbouh, Ana López e Luís F. Pérez, habemos dedicar novas reportaxes con inéditos apuntamentos, co ánimo de colaborar na súa conservación e necesaria e urxente posta en valor.

Compartir el artículo

stats