Quen coñece a obra de Laxeiro adoita atopar similitudes entre algúns dos seus cadros cos de Goya, Rembrandt ou Picasso. É algo inevitable, que un gran creador inflúa en xeracións posteriores, incluso fóra do seu ámbito artístico. Así que se Laxeiro estivo influido por pintores anteriores ou contemporáneos a el, é lóxico que o seu legado siga tendo tamén unha forte impronta nas artes e no resto da sociedade. Por iso, aproveitando que estamos no ano Laxeirán, os centros educativos mergúllanse neste legado para coñecer a obra, o artista e a súa relación coa cultura. E non hai mellor forma de aprender que facendo prácticas.

O exemplo máis recente de Laxeiro como musa ou fonte de inspiración tivémolo onte precisamente no instituto lalinense bautizado co seu nome artístico. Dende comezos desta semana, o alumnado de Debuxo Artístico de primeiro de Bacharelato participa nun obradoiro de cabezudos inspirados na obra de José Otero Abeledo. O taller, organizado polo departamento de Plástica, estivo impartido por outros dous artistas, tamén de Lalín, que contan cun amplo recoñecemento xa desde hai anos: o creador plástico e actor Miguel Calvo e o titiriteiro Anxo Basterra.

O luns foi a primeira clase deste obradoiro, e serviu para abordar nocións teóricas sobre as bases e a técnica para elaborar cabezudos.O mércores e o xoves estiveron adicados a crear e elaborar estas singulares máscaras e onte venres, o último día do obradoiro, os e as estudantes centráronse en darlles retoques ós cabezados e despois exhibilos ante o resto dos estudantes do instituto, durante o recreo. O desfile estivo acompañados por música tradicional. E debemos lembrar isto: Laxeiro xa foi fointe de inspiración para as máscaras dos Cacharelos, a figura típica do Entroido do barrio da Cacharela.

Actos todo o ano

Non é a primeira actividade que organiza este instituto en lembranza de Laxeiro cando, ademais, se cumplen 25 anos do seu pasamento. Xa en xaneiro, este instituto encetou un programa de actividades coa realización dun taller stop-motion, para os estudantes de cuarto de Secundaria.