Nin o frío nin a incesante chuvia puideron cunha XII Carreira do Cocido que regresou por todo o alto, cun milleiro de inscricións. Na carreira de 10 kilómetros, Nuno Costa alzouse coa vitoria na categoría masculina, mentres que José Canda e Marcos Oro obtiveron un segundo e un terceiro posto. Na categoría feminina venceu Patricia Varela, por diante de E. Vanesa Blanco e Tamara García. Os atletas locais premiados nesta categoría foron Daniel Rodríguez e Andrea Elizabeth Saavedra, mentres que Atletismo Deza foi o mellor conxunto.

Nos 5 kilómetros, o máis rápido dos homes foi Julio Novoa, dando tempo a Efrén Capelo e Iván Abeledo, e nas mulleres non houbo sorpresa e impúxose Julia Vaquero, plusmarquista española da distancia desde o ano 1996. A deportista de A Guarda dera a saída hai vinte anos a unha das carreiras que se organizan en Lalín e decidiu volver na duodécima Carreira do Cocido, pero desta vez co obxectivo de subirse ao podio.

Canda ela estiveron Ararat Pazos e Raquel Castro. Os atletas locais que subiron ao podio foron Roberto Roqueiro e Bárbara Sánchez, e o premio ao mellor equipo recaeu no Atletismo Arenteiro.

Despregue da bandeira de Ucraína, antes dunha saída. Bernabé

Nas categorías de menores, na sub 10 os premiados foron: Hugo Cordal, Nicolás Amado e Martiño Mato, en masculino, e Alba Solla, Sofía Corrales e Icia Penas. Na sub 12 foron Josep Bastos, Carlos Riveiro e Mateo Santos, en masculino, e Lucía Ageitos, Daniela Bayón e Ainoa Galán. En sub 14, Adrián Rodríguez, Enrique Magariños e Mateo Crujeiras subiron ao podio na categoría masculina, mentres que en feminino as galardoadas foron: Carmen Paz, Claudia Chavez e Uxía López. Por último, na categoría sub 16 os premiados na masculina foron Iago Riveiro, Brandan Carreira e Teo Seren e na feminina Ailala García, Brétema Núñez e Sara Fernández.

Zaira Soto, socia de honor

Na cita foi nomeada como socia honorífica do Club Atletismo Deza, Zaira Soto, lanzadora de disco que agora debuta co Gimnástica de Pontevedra e que tamén forma parte do elenco de adestradores da Escola. É unha moza atleta que leva toda a súa vida vinculada ao club, que colabora ensinando aos futuros atletas e que sempre está disposta a traballar por ver medrar ao club que a veu nacer.

Dous atletas entran na meta. Bernabé

Desde a organización, o Concello de Lalín e o Club Atletismo Deza, que se desenvolveu baixo a batuta de Hernán García, agradecen aos máis de sesenta voluntarios, ao Clube Montes do Deza e a Policía Local e Protección Civil, que axudaron na coordinación do evento e que velaron porque non se producise ningún incidente ao longo dos diferentes traxectos. Destacan a importancia dos patrocinadores a carreira, que axudaron en todo momento a que este evento seguise medrando e se puidese alcanzar un bo nivel para atraer a tantos inscritos.

Formación do Clube de Atletismo Deza. Bernabé

Durante toda a mañá, o equipo de Recycling estivo onda o Castro Tecnolóxico recollendo roupa deportiva para completar o envío que realiza a Marrocos das bicicletas. Así mesmo, antes do inicio das carreiras, desde a organización convocaron un minuto de silencio polas vítimas da guerra que está sucedendo en Ucraína.