Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un estradense de película

Xoán Reices protagoniza o filme “Eles Transportan a Morte”, que está nominado en seis categorías dos Premios Mestre Mateo

Xoán Reices (esquerda), durante a rodaxe de “Eles Transportan a Morte”. | // VERÓNICA LÓPEZ

Eles Transportan a Morte, a última película de Helena Girón e Samuel M. Delgado, optará aos Premios Mestre Mateo 2022 en 6 categorías diferentes. Entre os actores que formaron parte do reparto deste filme, gravado entre Galicia e Canarias, está o estradense Xoán Reices (Couso, 1991), que desenvolveu un papel protagonista na obra.

A película de Girón e Delgado foi, ata o momento, o último traballo de Reices no mundo da actuación e tamén supuxo a súa primeira longametraxe. Este estradense non se adica profesionalmente á interpretación, aínda que recoñece que lle gustaría, pero o feito de “ter que ir con todo” na procura dun obxectivo que se antolla “practicamente imposible” fixo que a súa vida laboral se encamiñara cara outros ámbitos. Dende sempre, Reices foi un namorado do teatro, e sendo aínda un neno interpretou os seus primeiros papeis no colexio Manuel Villar Paramá de Vea. Cando cumpriu a maioría de idade ingresou na Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) da Estrada, onde se formou durante varios anos e realizou as súas primeiras obras fóra dun entorno escolar.

Despois dun período de inactividade, en 2018 pasa a formar parte da asociación cultural compostelana “A Gentalha do Pichel”, onde volveu ao mundo da actuación. Foi precisamente nesta organización de Santiago onde coñeceu a “xente que me animou a presentarme ao casting da película”, entre elas Nuria Lestegás, outra actriz que participou en Eles Transportan a Morte, e “por sorte” acabou formando parte do filme. Esta longametraxe aborda a dualidade entre a vida e a morte a través de dúas historias paralelas, unha dende o punto de vista de varias mulleres, e outra dende a perspectiva de tres náufragos que escaparon dunha embarcación dirixida por Colón. Precisamente, un destes foraxidos é interpretado por Xoán Reices.

A película rodouse en localizacións galegas e canarias, tocándolle ao artista estradense traballar nas illas. Concretamente en Tenerife, onde Reices viviu a súa primeira experiencia como actor de cine. Durante tres semanas, a tónica do equipo de rodaxe foi “traballar case todo o tempo, cuns horarios longos, dende as 9.00 da mañá ata as 21.00 ou 22.00 da noite”, e librando un día á semana. A pesar da carga de traballo, Reices recoñeceu que “foi unha gran experiencia” na que o sorprendeu “a calidade humana de todo o equipo, sendo moitos deles xente contrastada” no ámbito cinematográfico.

O incesante labor que o equipo desenvolveu durante a rodaxe deu os seus froitos, e Eles Transportan a Morte acumulou moitos recoñecementos, algúns deles moi prestixiosos. Por exemplo, a Mención Especial Zabaltegi-Tabakalera do Festival Internacional de Cine de San Sebastián ou o Premio Mario Serandrei á Mellor Contribución Técnica do Festival de Venecia. Agora, queren sumarlle a esta lista algún dos Mestre Mateo aos que optan.

Unha carreira artística con máis produción teatral que de cine


Antes de traballar en Eles Transportan a Morte, Reices tivera dous papeis como extra en outras tantas series: un en Tres Caminos e outro, esta vez con maior protagonismo, en El Desorden que Dejas, que se pode ver en Netflix. A produción artística deste estradense encamiñouse, máis ben, cara o teatro, onde actuou en obras como A mesa, do director portugués Ze Paredes. Aínda así, Reices recoñece non saber posicionarse entre cine e teatro. O cine sedúceo por ter aspectos e efectos “máis especiais e chamativos” que o teatro, onde “estás só, e ás veces con máis actores”. Pola contra, asegura gustarlle “moitísimo” a sensación de estar encima do escenario e “compartir ese momento co público”.

Compartir el artículo

stats