Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Na Bandeira, Tanxugueiras fixeran unha pasada de actuación. Son mulleres fortes, bravas e unhas artistazas"

O trío que actúa hoxe na gran final do Benidorm Fest estreouse no Esmorga Folk en 2016

Tanxugueiras, durante a súa actuación na semifinal do Benidorm Fest. RTVE

¿Quen lles ía dicir a Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío aquel 19 de agosto de 2016 que a penas seis anos despois serían o grupo de moda non só en Galicia, senón en toda España e mesmo parte do estranxeiro? Tanxugueiras, que debutou aquela noite no Esmorga Folk, goza hoxendía dun masivo apoio popular para actuar o vindeiro 14 de maio no escenario do Pala Alpitour de Turín (Italia) como representantes de España en Eurovisión. Aquelas tres rapazas están difundir coma nunca antes a tradición musical galega, e A Bandeira pode dicir con orgullo: Todo comezou aquí.

O Esmorga Folk nace en 1989 froito do esforzo dun grupo de mozos e mozas do pobo da Bandeira, amantes da música tradicional que vían como co paso do tempo esta se deterioraba e quedaba no esquecemento. Faino encadrado dentro das festas da localidade e facéndoo coincidir coa xa consolidada Festa da Empanada. Por el pasaron grupos moi prestixiosos e algúns mesmo deron alí os seus primeiros pasos. É o caso do trío de moda no actual panorama musical ibérico.

Actuación do trío por súa segunda vez no Esmorga Folk, en agosto de 2018.

Tanxugueiras, que actúa hoxe na final do Benidorm Fest –na procura do pase para Eurovisión 2022–, deu o seu primeiro concerto no XXVIII Esmorga Folk, celebrado na Bandeira o 19 de agosto de 2016, nun cartel que pechaba Quempallou e no que tamén estaban Os Melidaos e Tres Pesos. Aquela edición fora organizada por Ana Codesido baixo a dirección de José Luis García, entón presidente da Asociación de Amigos da Empanada. Foi a estrea do grupo formado por Aida Tarrío e as xemelgas Sabela e Olaia Maneiro nun festival folk, xa que ata entón só actuarán en seráns e foliadas. Vamos, que o Esmorga pode presumir de que veu nacer ao que, a penas seis anos despois, é o grupo musical galego de referencia.

Ana Codesido leva o folclore no sangue e, desde moi nova, viña acudindo a seráns, foliadas... E foi nese mundo onde coñeceu a Aida, Sabela e Olaia, tres xóvenes pandereteiras que daquela tocaban na Asociación Cultural A Mámoa de Luou, en Teo, e tiñan como mestre a Marcos Botana. “Elas ían aos seráns e coincidiamos a miudo, tamén en foliadas”, lembra. O Esmorga Folk era xa un festival consolidado na escena da música tradicional e “un día faláronme de que eu estaba na organización”, apunta Codesido, que por aquel entón, ano 2016, se encargaba en solitario da organización, aínda que xa viña colaborando desde 2011. “Imos anque sexa pola cea”, dixéronlle as Tanxugueiras en plena negociación polo caché.

Aquel debut nada tivo que ver co espectáculo que levan agora, pero non desmereceu en absoluto. “Apostei por elas para abrir o festival e fixeran unha actuación moi boa, unha pasada”, valora Ana Codesido. “Daquelas eran elas soas, creo que nin sequera tiñan técnico de son, as tres coas pandeiretas enriba do escenario, sen máis acompañamento”, relata. Tampouco precisaban máis: “Son mulleres fortes, bravas, moi guais, tres grandes rapazas e unhas artistazas”, sentenza.

Ana Codesido foi a artífice do debut festivaleiro de Tanxugueiras.

As propias compoñentes do trío musical lembrarían un ano despois a efeméride en redes sociais: “Cómo pasa o tempo! Hai hoxe xusto un ano Tanxugueiras estaba no seu primeiro festival, o inesquecible Esmorga Folk”, escribían no seu perfil de Instagram, acompañando as súas verbas cun emoticono que refrendaba o seu cariño e agradecemento para coa cita bandeirense por darlles a súa primeira oportunidade de mostrar o seu talento ao público en vivo sobre un gran escenario.

E, de feito, non sería a última vez das Tanxugueiras na Bandeira. So dous anos despois, en 2018, recuncarían co gallo da trixésima edición do festival. Naquela segunda cita formaban parte dun cartel no que tamén estaban Treixadura, Leilía e Faíscas da Pontraga.

Desde a Asociación de Amigos da Empanada aproveitan para pedir á vila da Bandeira que no día de mañá vote masivamente ao trío galego no Benidorm Fest, porque “elas son tamén parte do noso pobo e do Esmorga Folk, un festival que continuará a apostar pola nosa música, cultura e tradición”, valora o seu vicepresidente, Luis Villanueva.

Lucía Pérez

Pero as Tanxugueiras non é a única conexión que o Esmorga Folk garda co certame de Eurovisión. En 2019, Lucía Pérez, que no ano 2011 fora a representante española no concurso europeo da canción, actuou na Bandeira xunto co grupo A Roda na que, ata o momento, foi a última, que non a derradeira, edición deste festival.

De Capercaillie a Carlos Núñez ou Luar na Lubre

O Esmorga Folk consolidouse grazas ao empeño dos organizadores de xuntar ano tras ano os grupos de máis renome do panorama musical, chegando a actuar na Bandeira grupos procedentes non só de Galicia e España senón tamén de diversos países. Cita ineludible do verán, é un dos festivais máis importantes da nosa terra. Na súa tercera edición, datada en 1991 chegan á Bandeira grupos como Koun, dende a Bretaña, ou Luar na lubre, un dos máis importantes do panorama folk de todos os tempos. Leilía, Mercedes Peón, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Dhais ou mesmo grupos estranxeiros como Capercaillie ou Vladimir e Serguev acudiron durante os primeiros anos ao festival. En 2000, o Esmorga achégase a Asturias e Tejedor actúa na compaña de Rumbadeira e Son de pan, entre outros. Chegado o novo milenio, o festival non baixa o seu prestixio, senón todo o contrario: Susana Seivane, Ruote, Pepe Vaamonde, Matraca Perversa, Tres Pesos, Os Melidaos, Faindola, Quempallou, Tiruleque ou as propias Tanxugueiras son algúns dos grupos de renome. En 2018, con motivo do XXX Esmorga Folk, a directiva de Amigos da Empanada, encabezada por Andrés Seoane, decide protexer nos estatutos da asociación a celebración da cita, xunto co Bandeirock, baixo a denominación de “Festivais da Empanada”. “O Esmorga Folk e o Bandeirock merecen estar protexidos ao mesmo nivel que a Festa da Empanada, porque xa son parte da historia da nosa vila”, sinalaba Seoane na asamblea extraordinaria de modificación estatutaria. Logo de non celebrarse os dous últimos anos por mor da pandemia de COVID-19, a actual directiva de Amigos da Empanada, de novo liderada por Andrés Seoane, xa traballa na organización do XXXII Esmorga Folk. O seu vicepresidente primeiro, Luis Villanueva, volverá ser o principal responsable deste festival, tal e como ocorreu nas dúas últimas edicións, que tiveron lugar en 2018 e 2019.

Apoio municipal desde A Estrada

O Concello da Estrada manifesta publicamente o seu apoio á candidatura de Tanxugueiras para representar a España en Eurovisión. Valora “o impulso que a agrupación realiza da música tradicional, a defensa que fan do uso das linguas cooficiais e o intento de universalizar a cultura galega”, reza o seu comunicado.


Compartir el artículo

stats