Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

yolanda aguiar jorge nnficha persoal | Autora de “Pegadas na verea”

“Para min o feito de escribir é unha forma de conectar comigo mesma”

“A poesía é o que máis me sae, aínda que neste libro hai microrrelatos e reflexións”

A rodeirense Yolanda Aguiar posa coa súa ópera prima nunha imaxe promocional.

Yolanda Aguiar Jorge vén de presentar en sociedade o seu primeiro traballo literario. Trátase dun poemario publicado por Edicións Fervenza que leva por título Pegadas na verea, no que poesía e prosa se misturan de xeito atractivo.

–A súa ópera prima tamén ten algo de prosa, non si?

–É certo que este libro é eminentemente poético pero non é menos certo que conta con dous textos que básicamente son frases ou reflexións propias e, tamén, hai un microrrelato para completar.

–Foi moi complicado decidirse pola publicación do libro?

–Levoume entre dous e tres anos máis ou menos. Non chegou aos tres pero máis de dous. Foi moito tempo pero a verdade é que non me esperaba que me levara tanto tempo. Pero claro, se o pensas non é nada raro porque tampouco sabía o que era poñerse a escribir.

–O título xurdiu antes o despois de rematar este libro de poemas e de microrrelatos?

–O de Pegadas na verea simboliza un pouco o que son as pegadas da vida e a verea sería o camiño da vida. E as pegadas son as que nos quedan despois de percorrer o camiño da vida. É un título que achégase moito ao que é a idea final do libro e penso que simboliza moi ben o que quero contar nel.

–Poesía ou prosa?

–Teño que recoñecer que a poesía é o que máis me sae. Cando me poño a escribir sáeme moito máis a poesía. A verdade é que non sei decir cal é a razón pero levo comprobado que dende que penso en escribir só quero facelo en poesía.

–“Pegadas na verea” foi unha necesidade para alguén que nunca antes nada escribira?

–O libro está dividido en tres partes: pegadas de humano, pegadas do ser e pegadas da terra. Na primeira parte quixen reflexar un pouco as pegadas da xente que nos rodea, xente que coñecemos e coa que nos cruzamos habitualmente que poden deixar en nós. En canto ás pegadas do ser teñen que ver un pouco máis co autocoñecemento, co autodescubrimento, con replantexarnos cousas e desaprender cousas para aprender outras. E despois as pegadas da terra teñen que ver co que a natureza nos pode transmitir e tamén o que a terra na que vivimos nos deixa como parte da nosa cultura e da nosa forma de relacionarnos co entorno. No sitio onde vivimos tamén deixa unha pegada importante en cómo entendemos esa forma de relacionarnos da que falaba antes.

–Que significa para unha muller tan nova poder publicar?

–Para min o feito de escribir é unha forma de conectarme comigo mesma. Cando escribo a fondo en cousas que podo pensar ou sentir, en reflexións ou cuestións. A poesía para iso é unha ferramenta boa.

–Ten pensado seguir escribindo ou agarda a ver qué pasa?

–A miña ilusión era escribir un libro entón iso xa o teño cumprido. Hai que ir por partes. Agora imos con este libro a ver qué pasa porque algún texto xa o teño a maiores pero sería moi precipitado facelo xa. Eu espero que haxa máis libros lóxicamente, e que isto sexa o inicio de algo máis no futuro, claro. O tempo dirá, coma sempre.

–Gústalle o resultado final deste primeiro traballo literario?

–Non lle faría ningún cambio. Persoalmente estou moi contenta de cómo quedou unha vez rematado. Tamén é certo que me levou moito tempo pero non lle tocaría nada, sinceramente.

Compartir el artículo

stats