Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chus Neira, Francisco Castro, Valentín García, Fernando Redondo e Pilar Sampedro, onte, no Pazo de San Roque de Santiago. | // XOÁN ÁLVAREZ

A Xunta e Galaxia reeditan tres clásicos de Xosé Neira Vilas

O Goberno autonómico tamén colabora no concerto homenaxe polo sexto aniversario do pasamento do autor, o domingo en Gres

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte en Santiago de Compostela na presentación das novas edicións que Editorial Galaxia en colaboración coa Xunta de Galicia elaborou das obras Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando o Suso foi carteiro, da autoría do sobranceiro literato de Gres, Xosé Neira Vilas. García sinalou que a reedición destas tres obras “é un motivo de alegría para toda a sociedade galega” posto que se trata dun dos autores “máis coñecidos e traducidos das nosas letras, responsable de introducir na lectura na lingua propia de Galicia a varias xeracións de galegos e galegas e mais un dos pioneiros na súa exportación a outros contextos culturais”, abondou.

A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo. Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. O de Gres ofrece nesta novela a historia da emigración no seu conxunto a través de vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos e homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade. Dedicado á cativada, completa esta interesante triloxía de títulos o libro De cando o Suso foi carteiro, acompañado das ilustracións de Kristina Sabaite e pertencente á colección Árbore de Galaxia, especializada na literatura galega infantil e xuvenil.

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén interviñeron no acto que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. Asemade, fixeron acto de presencia Chus Neira, sobriña do autor de Memorias dun neno labrego e Pilar Sampedro, membro do padroado da fundación e bibliotecaria.

Cartas de amor

Noutro orden de cousas, co gallo do sexto aniversario do pasamento de Neira Vilas, a Fundación homónima e Edicións Embora, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrecen tamén este domingo o concerto que leva por título Cantos de Amor na súa lembranza. A actuación contará coa soprano Victoria Álvarez Acón e Vicente Castro Alonso ao piano interpretando poemas inéditos do homenaxeado polo sexto aniversario do seu pasamento, con música dos compositores galegos Octavio Vázquez, Rubén Someso, Juan Durán, Fernando Buide, Eduardo Soutullo e Ruben Vizcaino. Os interesados poderán asistir de balde o vindeiro día 28 a partires das 18.00 horas na igrexa parroquial de Gres.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.