Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Peto de ánimas de Pedre, na actualidade.

ESMOLEIROS E PETOS DE ÁNIMAS DE CERDEDO (e IV)

O peto de ánimas de Pedre

Datado no ano 1875, é o único do concello que se axusta á tipoloxía clásica | Unha confusión atribúeo a O Zoqueiro e a crenza popular mesmo di que se inspirou no rostro dos veciños para tallar as almiñas

O peto de ánimas está situado á beira dereita da antiga estrada de Ourense, ao seu paso polo núcleo urbano de Pedre sentido Pontevedra, na intersección co camiño que conduce á igrexa parroquial, á Eira Grande e á ponte medieval sobre o río Lérez. O rueiro onde se construíu pasou a denominarse O Peto. Dáse o ano 1875 como data de construción.

A. Rodríguez Fraiz (Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez, 1982) desvélanos o nome do presunto autor: Manoel de Pedre, coñecido polo Zoqueiro de Pedre. Mesmo así, o de Tomonde dubida se tal artesán existiu ou se foi froito literario de X. Filgueira Valverde, quen, en xuño de 1928, nas páxinas da revista Nós, publicara noticias dunha serie de tipos populares, baixo o título Artistas aldeáns e, entre eles, o retrato do Zoqueiro de Pedre. No nº 54 de Nós (15-6-1928), Filgueira Valverde publicou a versión orixinal, porén, nós reproducimos a versión aparecida no seu Quintana viva (Galaxia, 1990), coa ortografía xa máis aseada:

Dende neno, o señor Manuel, o zoqueiro, dera en facer santos. Santos de vestir, ben entendido, testas e mans de buxo, armadas en arcabouzos de paus pintados de azul. A primeira Virxe das Dores que fixera vestíraa súa nai co pano sedán dun mantelo vello e aínda estaba posta encol da cómoda, coa lampadiña a arder diante. Os que a viran, daquela, gabaran moito a habelencia do zoqueiro e dixeran que, andando o tempo, había de tirarlle o choio ao torneiro de Folgoso. Outros andiveran a falar que Manuel non era home para facer pernas, nin brazos, e que as caras as sacara dun libro que mercara na vila. Pero el calou e agardou o seu día.


Un domingo, na misa, o sancristán saíu cun peto das ánimas noviño feito polo zoqueiro. Todos fixeron soar nas alxibeiras os cartos para que o sancristán se achegara a eles e poder ollalo ao seu sabor. Pero moitos estaban de ánimas no peto. Armouse un bo rebumbio e o peto non volveu saír, pero o señor Manuel deprendera o segredo do oficio de santeiro.


Cando facía un santo novo para calquera parroquia, a xente daba en facerlle o comento ao rostro e a ver nel unha cara coñecida. Din que o propio Manuel se retratara no santo Tomé de Pardesoa e que o crego non llo quixera coller.


Agora, cando a súa sona estaba dándolle bos cartos, o crego trouxo de Santiago unha Virxe do Carme. O zoqueiro veu contarme a nova cos ollos embazados. Como un torno de lagar, a idea do seu creto perdido dálle voltas nos miolos, e o feito do crego é unha trabe que preme no bagazo do seu maxín. Vén bébedo co viño novo dunha súpeta decisión: “Irei pola aldea dicindo ás mulleres a quen lles morreu algún fillo que o Neno Deus que estou facendo vai ter a cara do seu fillo cando era neno. Diante del pedirán por min...”.

Consonte a miña opinión, Rodríguez Fraiz interpretou mal o texto. Manuel de Pedre non era canteiro, o tal Zoqueiro traballaba a madeira e, segundo Filgueira Valverde, fora artífice dun peto de ánimas si, mais dun peto de man, dos que se mostran na misa na rolda petitoria. Daquela, o que a tradición considera autor material do peto de ánimas de Pedre, ben puidera ser só o autor ficticio.

O peto de Pedre é o único que, en Cerdedo, se axusta á tipoloxía clásica do peto de ánimas. Componse de tres corpos concertados en boa pedra de gran. O inferior, que arma o baseamento, prolóngase cara a adiante 118 cm en forma de valiño (dereita) e sentadoiro (esquerda), acoutando o sagrado. Encol do baseamento e baixo cornixa (103 centímetros de largo por 13 alto, ábrese a forneliña (86 cm de alto, 54 de largo e 30 de fondo), na que se gorece a caixa das esmolas e un mediorrelevo con restos de policromía, representando a Virxe do Carme alzada nunha nube, intercedendo polas ánimas purgantes (sete cabeciñas do vulgo; sen prebostes). Talláronse tres acanaladuras a ambos os dous lados da forneliña. O terceiro corpo e superior componse dun fastixio coroado cunha cruz latina de ferro moi retorneada (70 cm de altura). No frontal do fastixio albíscase en relevo o feixe de frechas falanxista, que sería de lei apicoalo.

Dimensións do primeiro corpo: 140 cm largo x 76 alto x 40 fondo. Dimensións do segundo corpo: 93 x 86 x 30 cm. Dimensións do terceiro corpo: 66 x 55 x 34 cm.

Segundo a crenza popular, O Zoqueiro inspirouse nos rostros dos seus veciños para tallar as almiñas do retablo. Pouca retranca.

Detalle das almiñas

O peto de Pedre, que mantén activo o seu culto, foi escenario dunha morte desgrazada e de innúmeros parrafeos de namorar. “Moitas vodas se concertaron neste sentadoiro”, confesáronnos os veciños.

Pómoslle o ramo á serie Esmoleiros e petos de ánimas de Cerdedo salientando, alén dos novos datos achegados, a restra de precisións que ao longo das seis entregas se foron facendo:

−O cruceiro de Santo Antonio de Cerdedo é un cruceiro de ánimas. Porén, as esmolas depositadas no peto do pedestal interceden polas almas dos que promoveron a construción, cuxos nomes se inscribiron na cara sur do pedestal (ilexíbeis). O pintor Estevo das Fragas foi o artífice da policromía do cruceiro (nome inscrito na cara norte do pedestal). A súa feitura pode remontarse ao século XVII.

−O cruceiro do Pego (Parada) non é un cruceiro de ánimas. A escena do libro da Xénese tallada na cara 1 do pedestal representa a candidez dos nosos primeiros pais, gozando da súa estadía no Paraíso (e non as lapas do inferno ou do purgatorio). O cruceiro do Pego é obra de dous mestres canteiros: o cerdedés Xoán de Bouzas Beiro (1651) e o cotobadés Ignacio Cerviño Quinteiro (1859-60).

−O capitel e a cruz do cruceiro das Procesións de Quireza (da autoría de Xosé Ferreiro) e o capitel e a cruz do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín son semellantes, mesmo no material no que foron tallados: o cemento. O pobo atribúelles a feitura do cruceiro e peto de Vichcocuntín (1905) a dous mestres canteiros cerdedeses: a Francisco de la Iglesia (A Vilalén-Tomonde) ou a Xosé Ferreiro Martínez (O Outeiro-Quireza).

−O artífice do peto de ánimas de Pedre non é Manuel de Pedre, alcumado O Zoqueiro. Esta confusión débese á mala interpretación que Rodríguez Fraiz (1982) fixo dun texto de Filgueira Valverde (1928).

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.