Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Olga Nogueira e Fon Conde | Integrantes da formación ‘As Efémeras’

“Falamos de usos e costumes propias, pero tamén de feminismo e ecoloxía”

“Collemos poemas que nos gustan, poñémoslle música e levámolos ao escenario”

Integrantes da formación As Efémeras.

Artistas e activistas culturais de Redondela, comprometidas coa ecoloxía, a cultura e a fala do país. Así se identifica o grupo As Efémeras, que ofrecerá hoxe a partir das 13.00 horas un concerto no Casino de Lalín. Aínda que xurdiron sen un rumbo definido, a formación composta por Olga Nogueira, Fon Conde, Berto Covelo, Claudia Sánchez, Paqui Crespo, Xerardo Carbia e Antonio Vidal, continúa o eu camiño presentando a súa proposta musical por toda Galicia.

–Como xurdiron As Efémeras?

–Nós somos xente de Redondela e das súas parroquias. Estamos involucradas en asociacións de por aquí, concretamente nunha que se chama Arte Lixo, onde facemos varias actividades. Organizamos eventos arredor da reciclaxe con, por exemplo, esculturas feitas de refugallo e demais. Fai uns anos fixemos un disco, onde convidamos a varias formacións de Redondela e da contorna para que fixeran unha canción sobre a ecoloxía e estas cuestións. Logo xuntámonos uns cantos e compuxemos tamén un tema, que é Chora o mar. A partir de aí xa nos empezamos a quentar e seguimos co proxecto.

–Pouco despois do nacemento do grupo, saiu á luz o primeiro disco. Que podemos atopar nel?

–Despois de compoñer a canción, foi durante o confinamento cando, cada unha dende a súa casa, fixemos algúns vídeos caseiros e empezamos a arrancar pouco a pouco. A finais do ano pasado xa tiñamos 13 temas e decidimos gravar un disco, que saiu a comezos deste ano.

A meirande parte dos temas son propios, tanto a letra como a música, agás 3 poemas que musicamos de Ana Romaní, Sesé Mateo e Carballo Calero. Sobre todo as letras, están moi coidadas. É certo que moitas delas falan de usos e costumes redondelanos, de feito hai xente que nos di que facemos música de kilómetro 0. Aínda así, tamén hai outra parte das letras que teñen un contido máis feminista e ecolóxico, son dúas vertentes que adoitamos tratar bastante. Tamén o feito de musicar poemas resulta interesante. Penso que se bota pouca man da rica poesía que temos en Galicia á hora de musicala. Collemos textos que nos gustan, poñémoslle música e levámolos ao escenario. É unha parte quizais un pouco máis distintiva que temos.

–A que se debe a elección dese nome para a formación?

–A verdade é que case non damos nin arrincado, porque non nos poñiamos de acordo nin para o primeiro ensaio. Entón cando falamos do nome saiu “efémeras” e foi así como quedou. As efémeras son uns insectos que duran moi pouco e cando puxemos un nome non sabiamos moi ben cara onde iamos. Logo foi curioso, porque cando estabamos coa xestación do disco veume un amigo cunha máscara que fixeramos dunha efémera e, como é biólogo, recoñeceuna. Entón, comezoume a contar cousas sobre este insecto das que non eramos conscientes e, arredor diso, argallamos na posta en escea un monólogo inicial, onde explicamos un pouco por que nos chamamos así.

–En que estilo musical se encadra o grupo?

–O outro día nunha crítica do disco comentáronnos que facíamos “folk barvú”. A verdade e que tampouco sabemos moi ben onde encadrarnos, “pop de furancho” ou algo así. O que facemos é ritmos variados, pero todos con percusión tradicional. Podes atopar unha rancheira, rock..., non nos pechamos a un único estilo, ao vir de distintos percorridos musicais van saíndo cousas diferentes.

–Como está a ser a acollida por parte do público?

–Estamos sorprendidas do recibimento que está tendo. Era un proxecto bastante modesto na súa orixe, o nome así o indica, pero a xente gústalle. Buscamos tamén a súa complicidade e interésanos moito que as actuacións lle resulten agradables a todos os rangos de idade. Por exemplo, cos máis pequenos facemos obradoiros con cartón reciclado para que creen unhas ás de efémera e poidan revoar mentres tocamos ou durante os pasarúas. Tamén hai uns nenos que cantan con nós algúns temas. Agora xa empeza a ir algo mellor a cousa, levamos estes meses presentando o disco e, dentro das circunstancias, ofrecimos bastantes concertos. Estamos moi contentas e imos seguir indo a onde alí onde nos chamen.

Compartir el artículo

stats