Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ANDREA DUNIA DÍAZ CASAL | Actriz e performer

“A iniciativa parte da idea de que imos experimentar”

A silledense poñerá a andar o seu Laboratorio Teatral a partir de outubro

Retrato da actriz e responsable de Laboratorio Teatral.

Ante a falta de oferta de actividades teatrais no Concello de Silleda, Andrea Dunia Díaz, veciña de Dornelas, poñerá en marcha a partir de outubro un curso centrado na experimentación. Baixo o nome Laboratorio Teatral, a actriz, que tamén ofrece clases de Música e Movemento na Escola de Música da Banda de Bandeira, busca poñer en práctica os seus coñecementos e intereses sobre a creación no ámbito escénico. A iniciativa pretende achegarse ás distintas xeracións e formar un ambiente de confianza para que se dé a maxia do teatro. Aínda que está deseñado para levarse a cabo en A Bandeira, tamén poderán acudir persoas dos municipios limítrofes.

–Como nace a idea de levar a cabo un laboratorio teatral?

–En realidade, xorde un pouco por necesidades laborais. Despois da pandemia teño que poñerme a traballar outra vez. Estiven un tempo de pausa e agora decidín retomalo. Como a miña idea é facer un doutoramento este ano, pensei que a posta en marcha destas prácticas pode ser moi boa para complementar tamén os estudos que vou realizar. Sobre todo, para ter un espazo no que poñer as cuestións tratadas e os meus coñecementos en acción.

–Tendo en conta que o grupo está dirixido ás distintas xeracións, como ten pensado organizar as sesións?

–A miña intención é formar unha colectividade e traballar precisamente durante as primeiras semanas na conformación dun grupo. Como se pode construír con xente de diversa idades e que aporta cada tipo de perfil, xa que cada un achega unha cousa distinta, e ver tamén como se combinan entre eles. Cando mesturas xente maior con nenos, por exemplo, os máis pequenos danlle aos máis maiores algo do que máis poden carecer, que é enerxía, capacidade, velocidade, etc. Ao mesmo tempo, os máis veteranos ofrécenlle paciencia, un gusto por facer as cousas ben, aprendizaxe... Penso que deste xeito uns poden sacar o mellor dos outros. Ademais imos traballar co que haxa e ver que características temos. Por exemplo, se participa unha señora de 60 anos que o que máis lle gusta é tecer, os seus intereses van estar dentro do que se traballe. A idea é incluir os intereses de cadaquén.

–Que se vai tratar ao longo do curso?

–As liñas de traballo serán o mimo, a danza, o teatro xestual, o movemento expresivo, o teatro documento... Este último é a maneira de facer autoficción, que se fai traballando coa historia de cada un e engadindo elementos de ficción que nos axuden a distanciarnos do noso propio realato e a poder contalo. As ferramentas do teatro xestual vannos axudar a movernos e situarnos no espazo e entender como funcionan os corpos nel. Logo, as propias do teatro documento axúdannos a sacar a información e a colocala na ficción para poder darlle forma.

–Como se distribuirán os distintos ámbitos de traballo?

–Pensaba ir por sesións, aínda que se hai algunha materia que xere moito interese adicaránselle máis días. O ideal sería ir por sesións ou por semanas. Unha semana traballaremos mimo, outra danza ou expresión cultural... Tamén haberá cousas que formen parte do programa diario, como o quecemento físico, que vai beber das diferentes disciplinas que tratemos. O importante é ir modelando a partir do que o grupo vaia demandando.

–Unha vez superados os oito meses de curso, ofrecerase algún espectáculo para o público?

–A idea é facer unha última sesión de mostra na que ao mellor podemos pedir o auditorio. Sería unha unha xornada aberta ao público para que poida asistir a unha peza que crearemos, para traballar co obxectivo final dun espectáculo. Aínda que sexa máis amateur, preparar algo para que o grupo poida invitar as seus achegados, un producto para amosar. Iso tamén é parte importante do traballo.

–Por que o nome de Laboratorio Teatral?

–O nome ven porque eu dedícome á experimentación en artes, a iniciativa parte da idea de que imos experimentar. Aínda que dispoño de ferramentas, o principal é iso, xa que é como te lanzas a facer cousas que nunca fixeches.

–Que foi o que a levou a mergullarse no mundo das artes?

–Sempre sentín dende dentro que era o que me gustaba facer. Xa tiven moi claro dende pequena que me ía dedicar ao mundo da arte. Intentei facer arquitectura, porque me parecía artístico, pero en realidade gústame traballar con liberdade. Tamén con seriedade e con rigor, pero dentro dunhas pautas que me podo marcar eu mesma e en relación aos meus intereses. Coa faceta artística podes facer isto, adecúaste aos teus propios tempos, fas estudos xerais, pero dende o teu punto específico de traballo.

–A situación actual de pandemia axudou a valorar máis o ámbito cultural?

–Claro. O tema da pandemia creo que deixou un oco, no sentido de que ao reducir moito os espazos de ocio, que en realidade eu creo que eran espazos que o ocio ocupou, quedaron baleiros. Hai moita xente preparada para encher eses espazos de cultura. Eu creo que é unha oportunidade marabillosa para que a xente teña acceso a clases de teatro, a obras teatrais, a presentacións de libros... Actividades de ocio que conforman a aprendizaxe e que tamén son cultura.

Compartir el artículo

stats