Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Zerua Galego | Autora do libro Broken, Beautiful

“É algo que me marcou tanto, que sempre vai estar presente en todo o que escriba”

Broken, beautiful procura visibilizar as enfermidades mentais a partir da experiencia da propia autora | A agoladense presenta hoxe o seu libro no Círculo de Recreo de Lalín

Zerua Galego nos Pendellos de Agolada. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Escribir para relaxarse e desafogarse. É o principal motivo que levou á agoladense Zerua Galego a publicar a súa obra Broken, Beautifull. Trátase dun libro no que a escritora verte os seus sentimentos máis profundos da depresión e da ansiedade, procurando levar a cabo unha visibilización das enfermidades mentais. Coa vista posta en iniciar os estudos de Filoloxía Inglesa en Salamanca, a autora xa pensa en desenvolver outros proxectos que ten en mente. Nun evento organizado pola Asociación Azos Feministas, Zerua presenta o seu libro de prosa poética hoxe ás 20.30 horas no Círculo de Recreo de Lalín.

–Como xurdiu a idea de escribir un libro?

–Eu simplemente escribo o que sinto e desafógome nunha libreta que teño ou nas notas do móbil. Falei cunha amiga e díxenlle que lle parecía se os xuntase todos para crear así un libro. Ao final animeime, mandeino á editorial e aceptáronmo, sen máis.

–Por que trata a cuestión das enfermidades mentais?

–As enfermidades mentais están moi invisibilizadas, ao meu parecer. Levo moitos anos sufrindo delas e parecíame unha oportunidade, non soamente para desafograme eu mesma senón para deixar ver á xente que non están sos, que iso ten nome e se pode tratar. Non é nada raro nin doutro mundo, non están tolos nin nada polo estilo por sufrir delas. Son unhas enfermidades que se pode tratar.

–Coa chegada da pandemia, cre que a sociedade tomou máis conciencia sobre este tipo de enfermidades?

A ver, penso que ca pandemia si que é certo que aumentaron os niveis de ansiedade ao estar encerrados na casa e a xente si se deu de conta de que é algo real, de que existe. Esa caracterización negativa que había si que amainou un pouquiño, pero tampouco demasiado. Segue a haber moitos prexuízos.

–De onde ven a inspiración?

–Principalmente fágoo para desafogarme. Ao mellor hai poemas concretos nos que tiven que coller inspiración doutras cousas para poder expresarme ben. Por exemplo, en Sangre de Rosa pareceume axeitado introducir unha metáfora para poder expresar o que estaba sentindo nese momento. O da rosa e as espiñas, os pétalos caendo... Pero en xeral, escribín o que me saía a min de dentro.

–Como foi o proceso de publicación da obra?

–Complicado. Máis que nada porque estaba en pleno segundo de bacharelato e foi un pouco movido. Eu mandeillo á editorial, aceptáronmo e a verdade e que alí recibín moi bo trato, foron moi agradables. Despois falei con dúas amigas por se me querían facer as ilustracións e fixéronmas finalmente. Logo comezou a prevenda do libro, onde tiven que vender 55 exemplares para poder mandalo á imprenta. Vendéronse, foron á imprenta e todo ben.

A verdade é que foi un proceso que me tivo bastante nerviosa por se non se chegaba ao mínimo da imprenta e ademais porque é un libro no que estou practicamente espíndome. Aínda así, a experiencia foi moi boa. Eu era e sigo sendo novata e na editorial portáronse moi ben comigo.

–Ten pensada a publicación dalgún outro libro, ben sexa relacionado coa temática xa presentada ou outra?

–A verdade é que teño uns cantos proxectos en mente e a ver se saen adiante. Hai un pouco de todo, Broken, Beautiful é prosa poética e penso que os que mellor van saír adiante tamén se enmarcan dentro dese xénero. Aínda así tamén estou traballando coa narrativa, apetéceme probar outras cousas. Penso que si vai haber un fío condutor entre todas as obras. É algo que me marcou tanto, que sempre vai estar presente en todo o que escriba.

Compartir el artículo

stats