Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nova homenaxe no Campo das Laudas

O colectivo Capitán Gosende colocará a oitava escultura en recordo dos Arca e dos Bugallo

Roxelio Arca, no monumento aos mártires da Ponte do Barco.

Chegando o outono, facendo realidade o anunciado o pasado mes de abril, o colectivo Capitán Gosende fincará na aldea das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) o oitavo monólito do seu Proxecto Campo das Laudas. Nesta ocasión, o vargo, labrado coma sempre polo escultor Marcos Escudero, honrará o sacrificio e fará perdurábel o recordo dos republicanos cerdedeses Francisco Arca Valiñas, Secundino Bugallo Iglesias, Xerardo Bugallo Lois e Roxelio Arca Rivas. Francisco e Secundino foron salvaxemente asasinados por fascistas de Cerdedo en 1936. Xerardo correu a mesma sorte en abril de 1939, xa finalizada a Guerra Civil. O cuarto, Roxelio, combateu no bando leal á República até o 29 de marzo de 1939, data na que foi feito prisioneiro en Teruel. Amais das penalidades do cativerio, unha vez de volta no fogar, Roxelio Arca cangou co xugo represivo do menosprezo e da exclusión social nun Cerdedo cribado pola vinganza, o fanatismo e o terror.

Por desgraza, dos catro homenaxeados só posuímos fotografías de Roxelio Arca Rivas, falecido en 2010, a piques de cumprir un século de republicanismo e dignidade. Non obstante, estes documentos posúen un indubidábel valor colectivo, xa que o retratan a carón da lápida e placa de bronce que, grazas ao patrocinio da asociación Verbo Xido e á colaboración do canteiro Xosé Nieto Xidavante, fincamos o 13 de agosto de 2006 na Ponte do Barco (Pedre), no infausto lugar onde, setenta anos antes, os fascistas asasinaran a seu pai Francisco Arca Valiñas e o seu camarada Secundino Bugallo Iglesias: “Morreron pola liberdade”.

Dignificación, reparación e visibilización de todas as vítimas cerdedesas do fascismo (labor titánico no que teimaremos até onde dean as forzas). Punto de encontro e mostra de resarcimento para as familias dos republicanos represaliados, o Campo das Laudas, inaugurado en 2016, vaise paseniño facendo realidade, grazas ás achegas dos membros do colectivo Capitán Gosende e á colaboración dos seus amigos e simpatizantes (cómpre resaltar a xenerosidade do vuxa Marcos Escudero). O proxecto non se beneficia de subvención pública ningunha, e naquel territorio carecente de tolerancia política, deixa en evidencia a tendenciosidade ideolóxica dos seus gobernantes e o seu flagrante incumprimento da Lei. En compensación e malia o silenciamento, o Memorial das Raposeiras é un dos lugares máis visitados e fotografados de Cerdedo.

O Campo das Laudas, un tributo do pobo para o pobo, é, xaora, unha iniciativa cultural sen parangón non só na Galiza, senón no resto do Estado. Até o momento, o colectivo Capitán Gosende preservou do tácito esquecemento institucional os nomes de 13 cerdedesas e cerdedeses mortos ou damnificados polo franquismo. Son os seguintes: o mestre, divulgador científico e poeta Xosé R. Otero Espasandín (natural de Castro do Medio-Castro), o canteiro Antonio Sueiro Cadavide (alcalde republicano; natural de Limeres-Cerdedo), o comisionista e xornalista Francisco Varela Garrido (secretario municipal; natural de Cerdedo), o carpinteiro Xosé Torres Paz (escribente municipal; natural de Cerdedo), o mestre de obras Martiño Ferreiro Álvarez (tenente de alcalde da Coruña; natural do Outeiro-Quireza), o canteiro Manuel Garrido o Resucitado e a súa muller Esperanza Barros García, labrega (naturais de Fondós-Quireza) e a labrega Xosefa Rivas Touriño, matriarca dos Ventín: Erundino, Manuel e Olegario Ventín Rivas; Perfecto Ventín Barreiro e Ramiro Lois Ventín (carrilanos, naturais de Tresaldeas e Piñeiro-Quireza, en Cerdedo, e As Quintas-Codeseda).

Francisco Arca Valiñas, alcumado Brillante, e o seu fillo Roxelio Arca Rivas eran naturais da parroquia de Figueiroa. Francisco Arca naceu no ano 1883 (ou 1886), desempeñando os oficios de canteiro e tratante de gando. Esforzado profesional, o xornal bonaerense Correo de Galicia do 21 de setembro de 1924 leva ás súas páxinas a noticia dun grave accidente laboral sufrido por Francisco Arca durante a construción dunha ponte no lugar da Montesiña (Soutomaior), na estrada de cara a Ponte Caldelas (PO-244). Arca presentaba importantes heridas en la cabeza, pérdida del dedo de una mano, rotura de varias costillas y síntomas de conmoción visceral. Malia padecer lesións de prognóstico grave, deu saído do transo.

Secundino Bugallo Iglesias, alcumado o Cambo, e o seu fillo Xerardo Bugallo Lois eran veciños da parroquia de Figueiroa. Secundino Bugallo, oriúndo da Barciela (parroquia de Castrelo, Forcarei), naceu no ano 1886, desempeñando os oficios de canteiro e tratante de gando.

Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias foron dirixentes da Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa, vinculada ao sindicato CNT. En agosto de 1934, Secundino Bugallo Iglesias integraba a comisión organizadora que posibilitou en Cerdedo a creación de Izquierda Republicana, tarefa compartida, entre outros, con Antonio Sueiro Cadavide (o alcalde republicano), Severino Bugallo Valiñas e Ánxel Bugallo Camiña. Secundino Bugallo tamén desenvolveu o cargo de xuíz municipal.

Acaecida a sublevación fascista, o 20 de xullo de 1936 Secundino Bugallo Iglesias e Francisco Arca Valiñas sumáronse ao comité de emerxencia que, en Cerdedo, defendeu heroicamente a legalidade e a vontade popular referendada nas urnas cinco meses antes. En ausencia por inhabilitación do alcalde Antonio Sueiro Cadavide e por delegación do tenente de alcalde Luciano García Ventín, o comité estaba dirixido polos secretarios municipais Francisco Varela Garrido e Francisco Varela Buela, compartindo dita responsabilidade cos camaradas e concelleiros Xosé Torres Paz, Sabino Bugallo Valiñas, Casimiro Cortizo e Manuel Gamallo Bugallo. Secundino Bugallo ocupouse, entre outros labores, de requisárllelas armas porta a porta aos dereitistas máis exaltados. Os veciños da parroquia de Figueiroa, coñecida en Cerdedo por “A Pequena Rusia”, plántanlle cara na ponte Valoutas a un destacamento da Garda Civil que, proveniente de Pontevedra, traía a encomenda de prender as autoridades rrepublicanas. O baluarte popular cede. Aqueles homes que non son detidos, poñen terra polo medio ou agóchanse nos acubillos monteses. As súas mulleres serán obxecto de continuas coercións e vexacións. Dobregada a resistencia republicana, Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias son detidos e recluídos no cuartel da Garda Civil de Cerdedo.

Días despois, na noite do 13 de agosto de 1936, un fato de falanxistas cerdedeses, en conivencia con membros da chamada Guardia Cívica, “sacáronos” do cuartel e conducíronos ao anfraito da Ponte do Barco (parroquia de Pedre). Alí, no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense, os pistoleiros das dereitas torturáronos e déronlles morte.

Xerardo Bugallo Lois, fillo de Secundino Bugallo Iglesias, tamén estaba afiliado á Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa. Días despois da sublevación, foi detido a canda seu pai e recluído no cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Ao parecer, o cabo Avelino Sánchez, enfastiado polas actuacións arbitrarias dos falanxistas locais, foi quen de salvarlle a vida in extremis. Lembremos que o día 11 de agosto de 1936, os pistoleiros da Falanxe levaron do cuartel e cunetearon en Pontevedra (parroquia de Alba) aos cerdedeses Xosé Torres Paz e Xosé Cortizo González, dando por morto a Manuel Garrido o Resucitado; e aos souteláns Xosé Mª Taberneiro Fraiz o Rolo de Vilapouca e Xesús González González Pernas. Dous días despois, empregando o mesmo execrábel procedemento, asasinarían na Ponte do Barco (Pedre) a seu pai Secundino Bugallo Iglesias e a Francisco Arca Valiñas. As listaxes negras dos fascistas estaban ateigadas de nomes.

Xerardo Bugallo foi mobilizado á forza no bando franquista, participando na sanguenta batalla do Ebro (xullo-novembro de 1938). Rematada a contenda (1 de abril de 1939), o tren que o conducía a Galiza fixo parada en León. Na plataforma da estación foi recoñecido por un falanxista implicado no asasinato de seu pai, quen non dubidou en matalo polas costas.

Roxelio Arca Rivas, fillo de Francisco Arca Valiñas, naceu no ano 1913. Exerceu a profesión de canteiro. Cando aconteceu o golpe de Estado atopábase traballando en Madrid. Seguindo o relato de Dionísio Pereira e do propio Roxelio Arca o de Figueiroa, contando 23 anos, alistouse voluntario no Grupo 33 da primeira columna confederal da CNT organizada na capital do Estado (Columna Del Rosal). Pouco despois, o Grupo 33 integrouse no 153 Batallón “Ferrer”, reconvertido posteriormente na 39 Brigada Mixta. Combateu na fronte de Aragón até decembro de 1936, cando os seus compoñentes foron trasladados a Madrid para gozaren duns días de descanso, antes de enfrontar a defensa da capital do Estado. Alí, o 21 de Nadal, na pensión galega onde se hospedaba, Roxelio Arca ten coñecemento do falecemento de seu pai: El vil asesinato de mi querido padre Francisco Arca Valiñas y de su compañero y amigo Secundino Bugallo, por los canallas, criminales y asesinos falangistas del municipio de Cerdedo, hecho ocurrido en la trágica noche del jueves 13 de agosto de 1936, y al saber la triste noticia, cuantas lágrimas vertieron mis ojos, lágrimas de pena, rabia e impotencia por lo sucedido, y de uno no ser capaz de protegerlos, mártires los dos compañeros de un ideal noble y justo (páx. 16).

A 39 Brigada Mixta foi quen de conter a ofensiva franquista sobre Madrid durante meses. A Roxelio, o seu denodo no combate valeulle o ascenso a cabo. O 21 de marzo de 1938 son relevados da primeira liña. Roxelio Arca escribiría: Durante un año, dos meses y ventiún días, hemos estado en la primera línea de fuego, defendiendo la libertad y la capital de España.

Non obstante, a guerra continuou para Roxelio nas frontes de Guadalajara e Teruel até o 29 de marzo de 1939, que, apeando a metralladora, deberon renderse na serra de Camarena, sendo confinados no campo de concentración da praza de touros de Teruel. Roxelio Arca ofrecerá fidel testemuño da morte en combate de moitos dos seus compañeiros, non poucos, paisanos da Terra de Montes; testemuño oral e escrito, posto que, como xa apuntamos, conservou un diario de guerra e máis de corenta fotografías, obtidas na fronte de Madrid, material editado por Dionísio Pereira en 2008.

Xa na Galiza, baixo constante vixilancia da Garda Civil, foi obrigado a incorporarse a un batallón disciplinario, constituído no desaparecido Cuartel das Mercedes de Lugo, en cuxos calabozos permaneceu, pasando mil calamidades, até que lle foi condonada a pena.

Roxelio Arca Rivas, manténdose firme nas súas conviccións, faleceu en Figueiroa (Cerdedo) o 6 de novembro de 2010 aos 97 anos de idade, non sen antes participar en 2006 (e seguintes) nos actos de homenaxe que a asociación Verbo Xido de Terra de Montes lles dedicou a seu pai Francisco Arca e mais ao seu camarada Secundino Bugallo. O monumento da Ponte do Barco foi obxecto de innúmeras agresións por parte da nostálxica intolerancia.

Cerdedo, en poder do golpismo fascista e dos seus herdeiros ideolóxicos dende o fatídico verán do ano 1936, desapareceu como concello en 2016. Aínda hoxe, naquel territorio desnortado séguese a incumprir a Lei de Memoria Histórica (2007) e, ben seguro, imcumprirase a Lei de Memoria Democrática.

Compartir el artículo

stats