Unha finca de 100 metros de longo, o centeo sen orballo e 33 persoas para converter este maxestuoso cereal nunha meda tan perfecta que aguante os trebóns do verán ata o día da malla. Onte a media tarde reuníronse en Codeseda, en Doade, os veciños do lugar e un grupo de voluntarios do campo de traballo que estes días ten lugar en Lalín, para participar na recreación da sega. A cita grande, a Malla, será o 21 deste mes, ás 12.00 horas.

Igual que o ano pasado, tanto a sega como a Malla (que chega á 22ª edición) retransmítense por internet, en vista da situación sanitaria. Manuel Blanco, presidente da Museo Casa do Patrón, explica que en anos pre-pandemia a Malla adoitaba xuntar unhas 2.000 persoas, e ao redor de 600 quedaban na zona para comer. Hoxe, coa distancia de seguridade e restriccións en canto a grupos, sería imposible poder albergar tal cantidade de visitantes.

Dous homes fan a meda cos mollos de centeo.// Bernabé/Javier Lalín

Por iso onte e o próximo 21 bótase man das novas tecnoloxías para permitir que esta tradición se manteña e se poida transmitir ás novas xeracións. Non en van, na tarde de one máis de 20 dos 33 participantes tiña menos de 25 anos. Foi unha oportunidade excelente para descubrir cómo funciona un dos traballos agrícolas en equipo por excelencia: mentres uns segan o cereal (este ano non se sementou trigo porque o centeo ten a palla máis longa e fai máis vistosa a malla), outros encargáronse de facer os monllos e, entre todos, ao final montaron unha cadea humana para trasladar estes, man a man, cara a finca anexa, onde quedou feita a meda, á espera das pedras, dos mallos e das máquinas.