Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

inmaculada vilariño vázquez nn | Xornalista e escritora

“Non concibía o meu libro sen que tivera debuxiños”

“Aínda que está escrito de xeito didáctico lévate tempo achegarte aos personaxes”

Inma Vilariño, onte, co seu libro no Pazo de Liñares Bernabé/Javier Lalín

O exterior do Pazo de Liñares acolle mañá a presentación do libro da xornalista dezá Inmaculada Vilariño Vázquez, que leva por título O Naranxo no Trasmundo (Edicións Fervenza). A obra supón a incursión na literatura da autora.

–Como xorde a ópera prima literaria dunha xornalista?

–Era unha arela que tiña desde fai moitos anos de poder escribir algo fóra do que era o traballo xornalístico diario. Escollín participar nun obradoiro de novela na Cidade da Cultura durante varios meses. Naquel momento estaba na consellería pero decidín facelo a título persoal e durante catro ou cinco meses estiven alí. Ao final había que presentar un proxecto final de obradoiro e foi cando decidín facelo sobre O Naranxo porque era un personaxe que me resultaba familiar.

–O libro é unha escolma de relatos pero terán un nexo, non si?

–Están todos contados en primeira persoa por O Naranxo e son historias que conta dende a outra vida, onde se sitúa a acción desde que morreu no ano 1945. Enton, el mistura o real co irreal con personalidades tanto de Lalín, como Loriga, Ramón Aller, Laxeiro... como doutras partes de Galicia como Urbano Lugrís ou o alemán de Camelle. Hai lóxicamente cuestións tomadas da realidade pero ficcionadas. Todos os relatos teñen un nexo de unión pero ao mesmo tempo pódense ler de xeito separado.

–Quedoulle como quería?

–A verdade é que fixen demasiados borradores pero supoño que é normal. Aínda así xa topei nada máis abrilo dous erros meus. Co que si estou moi contenta é coas ilustracións feitas por Luchi López, porque cada unha resume á perfección o que acontece nese relato. Tamén me gostan moito os textos que me fixeron tanto Daniel González Alén, cun texto introductorio, e o prólogo do tamén xornalista, escritor e profesor, Manuel Gago.

–Sempre tivo claro que o libro tería que levar ilustracións?

–Non concibía o meu libro sen que tivera debuxiños. De feito, estiven buscando ilustradores e contaba cunha persoa coñecida que non o puido facer. Curiosamente coñecín casualmente a Luchi na presentación do libro de Charo Golmar e a través dela e de Manuel Núñez, de Edicións Fervenza, propúxelle o traballo e aceptou desde o primeiro momento, e a verdade é fixo un traballo moi interesante. Ademáis, Golmar fixo un fermoso epílogo.

–É certo que o primeiro libro é como ter o primeiro fillo?

–É certo que é unha especie de neniño. Iso que din que hai que ter un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro, pois eu agora xa podo dicir que fixen as tres cousas porque o fillo é case que adoptado porque é fillo da miña parella. Xa cumprín. É unha situación un tanto rara porque telo aí pero non sabes qué tipo de reacción haberá cando a xente o lea. A min o que me interesa agora mesmo é que o poidades ler e que me acheguedes as críticas, negativas por suposto porque son das que máis se aprenden.

–Gustaríalle seguir escribindo despois desta experiencia?

–Escribindo sí, pero como o levo facendo dese hai moitos anos para min. Non descarto repetir pero tampouco é o que persigo. Tiña gañas de facer algo público, levoume bastante tempo que tiven que restalo do que temos libre desde o ano 2019, fixen o primeiro borrador e despois foi pasando por moitas mans. Por certo, teño que agradercelle moito ao asesor lingüístico Xosé Manuel Varela, que mo revisou dúas veces enteiro.

–Supoño que de repetir tamén sería algo escrito en prosa. 

–En O Naranxo no Trasmundo hai unha pequena incursión poética pero eu son máis de prosa que de poesía. E na prosa nestes momentos só me atrevo co relato e co conto. Gustaríame poder chegar algún día a facer unha novela pero para iso necesitas reposo e acougo e no día a día no noso traballó é moi complicado de facer.

–Haberá quen pense de que polo feito de ser xornalista o ten máis sinxelo a hora de escribir.

–Date conta que neste libro hai 45 relatos e 147 páxinas. Non é que sexa tanto pero si que ten un labor de documentación detrás que aínda que está escrito de xeito didáctico, lévache moito tempo achegarte a cada un dos personaxes que se describen, atar cabos con datas históricas e demais. Non ten o peche correspondente a unha novela porque require máis tempo. Teño que recoñecer que o xeito de non sentirme preparada para saltar á area literaria tamén influiu no proceso creativo. Tiven moita sorte coa editorial porque coñecía a Manuel Núñez e co patrocinio de Cultura, GSI y el restaurante Porta Enxebre de Lamela.

Compartir el artículo

stats