Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ELVIRA NERCELLAS RODRÍGUEZ | Integrante do grupo 'Medicina en Galego'

“A actitude do paciente cambia se o médico lle fala en galego”

“Coñezo estudantes de Medicina de fóra de Galicia que van a clases para aprender o idioma. O alumnado ten outra visión”

Elvira Nercellas.

En novembro de 2019, o estudantado da Facultade de Medicina da USC protagonizou varias xornadas de folga para reclamar melloras nos criterios de avaliación, nas prácticas nos centros de saúde e no trato entre docentes e alumnado. A raíz destas mobilizacions puxéronse en marcha distintos grupos de traballo. Un deles é de normalización lingüística ‘Medicina en galego’, do que forma parte a lalinense Elvira Nercellas.

–¿Cal é a situación da lingua galega na súa facultade?

–Temos un estudo publicado nas redes sociais do noso grupo segundo o que en Medicina só o 1,2% da docencia é en galego, de maneira que somos a antepenúltima facultade universitaria con menos uso deste idioma. Eu estou en cuarto curso, e todas as materias se impartían en castelán, e non é porque os docentes sexan de fóra de Galicia. O emprego do galego entre o profesorado é inexistente, pero entre os estudantes si falamos en galego.

–¿Ademais de ter clases en galego, defenden outros usos do idioma dentro da facultade?

–Conseguimos que algún docente dea xa a súa materia en galego, e o grupo de Normalización Ligüística logrou tamén que haxa a opción de ter os exames en galego.Son exames tipo test. Unhas das excusas coas que nos atopabamos era que desta maneira había que imprimir máis exames ou que resulta máis complicado traducir varios termos ao galego. De feito, detectamos que a moitos docentes lles custa empregar este idioma, pois vimos que nos exames hai faltas de ortografía, de gramática ou de sintaxe.

Elvira Nercellas, coa chapa da campaña 'O galego é saudable'.

–Unha das dificultades quizais sexa a escasez de bibliografía médica en galego.

–Así é. Non hai material en galego para podermos estudar, e eu vexo que hai termos en galego que descoñezo. A miña irmá formouse en Odontoloxía, e para facer o Traballo de Fin de Grao tivo bastantes dificultades á hora de traducir. Dende as redes sociais de Twitter e Instragram, o noso grupo de normalización lingüística vai subindo termos en galego e outros recursos neste idima que están en internet pero que ás veces son descoñecidos para a xente.

–¿Ao alumnado que non é galego cústalles acudir a clases neste idioma?

–A nosa Facultade é a que ten máis prazas de España, así que hai alumnos de fóra de Galicia. Pero queremos romper estereotipos e que se vexa a importancia de aprender galego, porque nun futuro estes alumnos e alumnas de fóra igual quedan a traballar aquí. Por iso, eu coñezo moitos compañeiros que van a clases para aprender galego, e o certo é que cando un profesor pregunta se hai problema por impartir a clase en galego, ninguén se opón. Si podería haber algunha queixa en primeiro de carreira. Coido que entre o alumnado hai outra visión sobre a situación sociolingüística. Temos que pensar que en Santiago cidade, na rúa, xa se fala moito galego, e tamén no CHUS, así que o aprenden rapidamente. En canto ao docentes,teñen outra mentalidade, e ainda teñen estereotipos. De feito, ante as nosas reivindicacións teño escoitado excusas como “case é mellor dar as clases en inglés”.

Charla sobre a importancia do idioma galega no exercicio da medicina.

–Ademais de difundir termos médicos en galego e charlas sobre o idioma, ¿que outras iniciativas teñen en marcha?

–Activamos a campaña ‘O galego é saudable’. Cando faciamos as prácticas, vimos moitos casos nos que pacientes galegofalantes se pasaban ao castelán á hora de dirixirse ao médico, e non acababan de estar cómodos.Por iso, reivindicamos un maior uso do galego entre médico e paciente. De aí que fomentemos que o alumnado poida estudar e aprender en galego, porque nun futuro exercerá como doutor e é el o que ten que esforzarse para que o paciente se sinta cómodo e poida facer o mellor diagnóstico posible. Vimos que cando un médico lle fala en galego a un paciente galegofalante, este xa gaña confianza. Esta campaña ainda está en vigor, e conta con elementos como chapas oun pancartas. Tamén nos reunimos con parlamentarios do BNG, que nos trasladaron que ían apoiar esta iniciativa.

–Polo que me conta, entendo que no grupo de normalización non figura ningún docente.

–Estamos sobre todo estudantes, tanto de Medicina como de Odontoloxía. Non hai ningún docente, pero si contactamos con eles para suxerirlles se podían impartir clases en galego e, como dicía, algún si aceptou.

Compartir el artículo

stats