Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrea Mosteiro Sanxiao nn | Creadora da asociación “Na Estrada, en galego”

“Con accións moi pequenas ás veces podes chegar a conseguir grandes cousas”

A estudante creou fai un ano unha iniciativa que hoxe reúne a 30 comercios estradenses

Imaxe de Andrea Mosteiro, a impulsora da iniciativa de defensa do galego no comercio. |

Fai un ano Andrea Mosteiro puxo en marcha o proxecto “Na Estrada, en galego”. O seu obxectivo era dar visibilidade aos negocios da vila que utilizan como lingua vehicular o galego. Despois deste tempo, marcado pola crise do COVID, a súa iniciativa xa conta con trinta negocios adheridos e que atoparon neste espazo un punto de encontro común.

–Como dou comezou este proxecto?

–Foi a mediados de novembro de 2019, cunhas bolsiñas do comercio 4eco Loan da Estrada. Esas bolsas estaban pintadas de maneira diferente unha por unha artista de Forcarei. Vinas nas redes sociais e parecéronme moi bonitas. Eu nunca entrara nese comercio ata ese momento pero decidín facelo despois de ver as bolsas. Alí comecei a falar con Ana Casal, a súa responsable, e teño que recoñecer que me marabillou a súa tenda. Para min é unha das máis bonitas da Estrada. Está todo feito dunha maneira artesanal, algo que a fai moi especial. Chamoume sen embargo a atención que todo estaba escrito en galego. Hai comercios nos que teñen algúns rótulos en galego pero aquí estaba todo. Terminei xerando unha amistade con ela, así que cando lle vin algunha vez algunha palabr mal escrita en galego comenteillo. Eran cousas como acentos que non se poñen en galego ou que se poñían en normas antigas. Así foi como se me ocorriu a idea de crear unha asociación que promocione o comercio local e os produtos da vila a través da lingua. Iso tamén axudaría a que a xente vise que o galego está presente no comercio. Que visen que tamén se pode traballar e mercar en galego.

–¿Comezaron sen embargo pouco a pouco?

–Comezamos con catro establecementos pero ao cabo dunha semana xa eramos dez. Agora mesmo, despois dun ano, somos trinta. O crecemento foi inestable porque botamos bastante tempo sendo quince. Durante o confinamento, unha das propietarias, María, de Maruxío Terra e Sal, púxonos en contacto con bastantes persoas que ela coñecía do seu ámbito e aceptaron unirse. Iso fixo que dun día para outro pasamos a ser uns vinte. Desde setembro ata fai pouco estivemos en 24. Agora volvemos a medrar un pouco máis ata chegar a esas trinta, algo que se anunciou xusto o día que fixemos un ano. Neste tempo fomos anunciando todos os meses nas redes, primeiro en Facebook e agora tamén en Instagram, cando se sumaban novos comercios.

–Foi todo un logro tendo en conta que polo medio dese ano houbo una pandemia que condicionou toda a actividade comercial da vila.

–É certo. A pesar da pandemia as cousas non se torceron tanto. Cando foi o de marzo todos pensamos en que non sabíamos como ía a acabar todo isto. Cambiamos a nosa vida pero todos logramos saír adiante. Recordo que nesa época na páxina de Facebook todo o que compartíamos eran noticias de que tiñan que pechar un tempo polo coronavirus. Todo era anular e adiar. Foron tempos un pouco negros.

–Como lle explicaría á xente en que consiste Na Estrada, en galego.

–Na Estrada, en galego é una asociación na que nos unimos para dar visibilidade a negocios que apoian o galego, e que realizan a súa actividade comercial na nosa lingua. É unha forma de darlle visibilidade ao produto local, ás tendas da nosa vila e ao mesmo tempo dándolle valor á nosa lingua. Trátase de mostrar que en galego se pode facer de todo, Segue habendo algúns prexuízos sobre o galego pero esta é unha forma de mostrar que na nosa lingua tamén se pode mercar e vender.

“Unha unión especial entre os asociados”

–Quen forma parte da asociación? –Non cambiamos moito nestes anos pero si que crecemos moito. Unha das cousas máis salientables é que todas as persoas que comezaron en marzo con nos, seguen na asociación, e todas seguen coa súa actividade, algo importante nestes tempos. Hai establecementos de todo tipo. Salóns de peiteado, cafeterías, copistería, tendas ecolóxicas... Tamén hai tendas da Praza do Mercado. Son todo xente e comercios da Estrada e principalmente con produtos locais. O último establecemento en sumarse foi Sidra Peroja. Incluso está Fran Campos, coa súa compañía de teatro Bandullo Azul. Contamos con empresas moi diversas. –Que lle din da posta en marcha desta iniciativa sendo tan moza? –A maioría da xente apoioume moito. Eu estou moi contenta, sobre todo pola unión que se creou entre os establecementos. Unha das cousas das que máis orgullosa estou é de que se apoian entre eles. Creouse unha unión que podía haber antes, pero non tan forte. Houbo establecementos que se coñeceron entre eles a través de Na Estrada, en galego. Creouse unha unión especial. Outra das cousas que me fai moi feliz é ver como algúns dos castelanismos que usamos cada día, deixaron de usalos gracias a esta asociación. Unha persoa díxome unha vez que non ía utilizar o termo “grazas” porque non o vía natural. Co paso do tempo, iso que notaba tan raro, xa o usa todos os días no seu negocio. É algo do que me sinto orgullosa. Con pequenas accións e cambios ás veces podes chegar a conseguir grandes cousas. –Esta iniciativa parte do seu amor polo galego, segue coa idea de estudar Filoloxía Galega cando remate no bacharelato? –Houbo moitas cousas que cambiaron durante o último ano pero esa non cambiou para nada.

Compartir el artículo

stats