Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agasallo hoxe, legado mañá

“Miscelánea” está xa nas librerías para mergullar aos lectores na historia da Estrada, dende o reto demográfico á gripe de 1918

O director da publicación, Juan Andrés Fernández. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Cada ano A Estrada repasa a súa historia. Unha escolla de autores comparten as súas investigacións, permitindo que o que aconteceu onte se converta nun agasallo para hoxe e nun legado para mañá. Sucesos, xentes ou curiosidades da historia do municipio e a súa contorna saen ao encontro do lector en cada un dos números de A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, a publicación anual do Museo do Pobo Estrada que leva o nome do célebre Manuel Reimóndez Portela. O volume correspondente a este 2020 xa se atopa nas librerías. Por motivos sanitarios non haberá presentación pública, como acostuma o museo antes de que remate o exercizo. Sen embargo, as dificultades deste ano non impedirán que aqueles que gustan de mergullarse no pasado da Estrada deixen unha nova pegada no camiño da Miscelánea para que os fieis lectores desta publicación podan atopala coma sempre o fixeron: entre o turrón e as uvas. Desta volta son 13 os artigos que inclúe:

O reto demográfico da Estrada. Viva A Estrada viva!

Manuel Blanco Desar sinala neste traballo que, de seguir a actual tendencia regresiva da poboación, a área estradense caerá, a non moito tardar, dos 20.000 habitantes, coas consecuencias que isto comporta.Propón, moi encarecidamente, a inmediata formación dunha comisión municipal especial para o reto demográfico.O artigo supón unha chamada de atención urxente a políticos e cidadáns en xeral.

Anos de peste na bisbarra da Estrada. A gripe de 1918.

José Manuel Bértolo Ballesteros asina este artigo sobre a incidencia que tivo unha pandemia que hoxe volve conectar coa realidade.Nas áreas rurais, incluida a estradense, a súa incidencia foi notablemente menor que nas cidades; aínda así a morbilidade e a mortalidade foron notablemente significativas, conforme ás cifras que ofrece o autor.

Sobre algunas personas que vivieron en A Estrada y diferentes lugares de su ayuntamiento,

de María Isabel Leyes Borrajo. Apartado de historias familiares.

Las víboras en la medicina antigua: un caso real de aplicación (fallida).

O autor é Damián Porto Rico, que explica métodos curativos e da práctica médica na época pre-científica. Ademais da análise da medicina tradicional e da aplicación de compostos estrafalarios, ofrece un documento de indiscutible valor para a historia da medicina e das mentalidades: o pleito interposto por dona María Montenegro Fonseca, en torno a 1764, ao seu marido José Jacinto Taboada, ambos os dous da aristocracia local, por impotencia manifesta.

Arte románico en A Estrada: San Lourenzo de Ouzande, San Miguel de Moreira y San Xurxo de Codeseda.

É unha peza de María Bastida Rodríguez onde se afirma que os tres templos representan o máis significativo do románico neste concello.

O teléfono en Codeseda no século XX,

de Luis Ferro Pego. A extensión da telefonía nas zonas rurais estradenses foi moi desigual. Houbo parroquias, como Codeseda, a onde chegou moito antes, como se conta de xeito ameno nestas páxinas.

Lumière de nós. Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995).

Asina Francisco Rozados “Rochi”, amigo sinalado do cineasta galego, a quen ofrece a súa particular homenaxe neste XXV cabodano da súa morte.

Os catálogos da fundición artística. O caso de Alemparte na Estrada,

de Carmela Sánchez Arines. A “Fundición Alemparte” ubicada en Carril, surte de material de fundición de ferro a toda a península e moi particularmente á provincia de Pontevedra. Balcóns, barandas e baixantes, integrados na arquitectura urbana, son só unha parte da súa produción, que debemos aprender a valorar e respetar como elemento moi fundamental da nosa cultura material.

A triste condición dos meniños abandonados. Expósitos na Estrada a mediados do século XVIII,

de Juan Andrés Fernández Castro. Preséntase unha breve análise da situación dos expósitos na Terra de Tabeirós e as circunstancias que podían conducir a tal condición: ilexitimidade e miseria, principalmente. Máis do 60% dos expósitos ingresado no Hospital Real de Santiago falecían aos poucos días; máis afortunados eran aqueles entregados a mulleres do rural para a súa crianza. Convivían baixo o mesmo teito pero non se integraban na familia, véndose relegados con frecuencia a unha condición case servil.

El desfiladero de San Xoán da Cova, por Ovidio Murguía

, de Javier Travieso Mougán, que ofrece diferentes aspectos e interpretacións do cuadro pintado polo fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía.

Mulleres traballando a prol do seu pobo: a Asociación de amas de casa, consumidores e mulleres rurais da Estrada “Avelina Valladares”.

Artigo de María Dolores (Noni) Araújo Arias, que dá conta lo intenso labor social e cultural desta entida estradense.

Pioneros de la radio en A Estrada.

Juan Pedro Pérez Pérez dá conta das orixes da radiodifusión na vila da Estrada, salientando a figura senlleira de Ángel Pereira Renda, oficial do exército, irmá de Virxinia e administardor da emisora EA1-BS.

Una “Presentación en el templo” en lo alto de la iglesia de San Xurxo de Codeseda.

Achega de María Novoa Fernández. O estudio e identificación dos fragmentos dun baldaquino que se conserva na torre da igrexa de Codeseda foi o propósito deste e doutro traballo previo da mesma autora.

Compartir el artículo

stats