Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

A solución está no río Asneiro

A solución está no río Asneiro

O goberno do Concello de Lalín pretende resolver un vello problema municipal, relacionado co abastecemento de auga de consumo doméstico, que afecta a un número moi elevado de habitantes, probablemente ao 75% da poboación total. Ese problema empeza na propia zona rural, que, tradicionalmente, se autoabasteceu de auga mediante pozos artesanais e de barrena, canalizacións e minas, pero, unha vez que se impuxo a revolución agrícola e gandeira, as augas empezaron a estar contaminadas de forma difusa. Ao principio, os agricultores/gandeiros non eran conscientes dos problemas que esa forma insostible de cultivar as terras lles ía traer nun prazo de tempo relativamente curto, pero, ao paso dos anos, converteuse nunha situación irremediable que se lles escapou das mans e do seu control.

O uso indiscrimando de puríns, a proliferación de granxas porcinas e vacunas que chegaron a verter residuos fecais direita ou case direitamente en cursos fluviais, a aplicación de pesticidas e funxicidas, o abonado químico das fincas con fertilizantes (nitratos, fosfatos), etc., envelenaron de tal forma os campos que as augas usadas empezaron a causar problemas e moitas veces a producir enfermidades. Para solucionar eses problemas recurriuse ao consumo de auga de ríos -en Lalín, o Asneiro, que se potabiliza en plantas de tratamento-, pero a auga dos ríos tamén está contaminada, porque é o resultado das escorrentías das augas xa contaminadas dos mananantiais e, aínda por encima, coa suma de todos eses tipos de vertidos contaminantes descritos.

Aquí é onde está o quid da cuestión, porque ninguén quere coller o touro polos cornos e revertir lentamente a situación, empezando pola elaboración dun plan integral de saneamento do río Asneiro. A Xunta de Galicia, que é tan proclive a planificar plans de comarcalización nos que, nalgunha ocasión, se empezou por Deza como comarca piloto (ano 2012), debería ser quen dera ese primeiro paso e ben podía ser a conca do Asneiro a que, primeiramente e de forma pioneira, se convertera na "conca piloto" no proceso de rexeneración medio ambiental dos ríos galegos.

Mais nada de iso se espera, porque todos prefiren esgotar o último recurso que nos queda, a cunca alta do río Deza, antes de realizar un traballo que beneficiaría de forma providencial ás augas de Galicia, gravemente contaminadas e inmersas nun proceso que parece que non ten retorno. Os hidrólogos que temos en Galicia seguirán en estado de sonambulismo e aquí nada cambiará, a non ser poñer as cousas peor do que están.

Compartir el artículo

stats