Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Victoria Novoa Pereira: "A primeira vez que tocamos nun serán só sabiamos dúas pezas"

"No grupo hai 13 mulleres e un home"

Victoria e compañeiras da formación, onte, no ensaio no albergue de A Laxe. // Bernabé/Javier Lalín

Hai catro anos as Pandereteiras de Bendoiro participaban no seu primeiro serán, que tiña lugar en Botos. Este domingo, día 1 de setembro, van celebrar a primeira edición do seu serán no Pazo de Liñares. Este novo mes comezará cunha xornada de música e baile tradicional que terá lugar durante toda a tarde. Neste evento participarán varios grupos musicais que ofrecerán un repertorio de cancións, no cal as pandeiretas serán as protagonistas.

-Canto tempo fai que se creou este grupo de pandereteiras?

-Máis ou menos hai oito anos que decidimos crear esta agrupación.

-Por que decidiron levar a cabo esta iniciativa?

-En principio non tiñamos pensado formar este grupo, nós simplemente practicabamos porque nos gustaba tocar. As maiores do grupo fomos as fundadoras destas pandereteiras. A idea xurdiu porque nós somos unha Asociación de Mulleres en Igualdade e recibiamos subvencións para moitas cousas. Un día decidimos que xa estamos cansadas de realizar sempre as mesmas actividades como ximnasia ou labores, polo que nos animamos a solicitar un novo proxecto, que resultou ser o grupo de pandereteiras. A partir de aí, comenzamos a ensaiar.

-Cantos integrantes conforman hoxe en día esta agrupación?

-Ao principio só eramos mulleres de 60 anos e agora contamos ata con rapazas de entre 9 e 12 anos, hai xente de todas as idades. Tamén participa, un home e en total, somos 14 pandereteiras.

-Como xurdiu a idea de organizar por primeira vez o seu serán?

-Despois de participar por primeira vez no Serán de Botos fai catro anos, comezamos a asistir ás seguintes edicións. Aí foi cando nos demos conta de que era algo que nos gustaba e continuamos participando en outros eventos similares. Agora consideramos que é o momento de celebrar o noso.

-En que consistirá a celebración que terá lugar este domingo?

-No noso serán participarán varios grupos invitados pero aínda non están todos confirmados. A mediodía todos os participantes comeremos no Pazo de Liñares, un xantar que estará elaborado por nós mesmas. A partir das 16:00 horas iniciarase este evento no que poden participar todas as persoas que o desexen. Esperamos que se achegue ata o lugar bastante xente, para celebrar unha xornada de música e troula galega durante toda a tarde. O Concello de Lalín tamén nos axudou facendo publicidade do evento mediante carteis.

-De quen foi a idea de organizar esta festa no Pazo de Liñares?

-Decidímolo nós xa que ao ser de Bendoiro pensamos que era un lugar idóneo para celebrar un evento de estas características. Ademais, o pazo atópase moi cerca de onde nós normalmente ensaiamos. Entón, plantexámoslle ao Concello que considerabamos que o mellor sitio era este pazo. Dende o primeiro momento apoiáronnos e facilitiránnos todo o material que necesitaramos. A organización foi un pouco rápida porque queriamos celebralo en agosto para aproveitar o bo tempo, aínda que, normalmente, durante este mes collemos vacacións. De feito, este ano non nos marchamos porque estivemos ensaiando.

-Levan participando en moitas celebracións musicais durante este ano?

-Nesta zona participamos no Serán de Botos e no de Ailola, en Donramiro. Recordo que a primeira vez que formamos parte dun serán, que fora o de Botos, só sabiamos tocar dúas cancións. A min mandáronme presentar o grupo e dixen que eramos as pandereteiras de Bendoiro e que só tocabamos dúas pezas, unha delas iámola cantar nese momento e a outra tiñamos que volver ensaiala antes de tocala. Esa foi a nosa primeira presentación ante o público.

-Hoxe - por onte - tiveron un ensaio xeral, é o primeiro que realizan para o evento do domingo?

-Non, xa levamos varios meses ensaiando. Polo xeral, adoitamos reunirnos os luns de cada semana, aínda que agora en agosto collimos algúns días de vacacións. Non temos ningún repertorio, preparamos as cancións que tocamos normalmente pero non temos pensado un número fixo.

-Resulta complicado organizar a 14 persoas para poder ensaiar, sobre todo, durante a temporada estival?

-Non, como a maioría estamos xubiladas podemos adaptarnos con facilidade aos horarios do resto. Ademais, nós a parte de reunirnos os lunes para ensaiar tamén quedamos os venres para tomar algo.

Compartir el artículo

stats