Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Abades honra a San Caetano na antiga capela de Bazar

A ermida foi refeita en 1717 no actual emprazamento deste lugar, un topónimo que pode derivar dun hospital romano ('valetiar') ou dun propietario que aparece citado como 'Bazarius' no ano 922

Abades honra a San Caetano na antiga capela de Bazar

Dende hai anos os veciños de Bazar, na parroquia de Abades, adiantan a celebración do San Caetano ao último domingo de xullo, cunha romaría e festa campestre moi concorrida que ten por escenario unha das máis antigas capelas do municipio de Silleda, a pé dun cotarelo rochoso sobre un meandro do río Deza, rodeada de carballeiras, viñedos e terras de labor. Houbo misa solemne con procesión, que acompañou o grupo de gaitas O Arco de Merza, e logo sesión vermú ao carón da capela seguida dun xantar campestre nunha carballeira próxima, que congregou a centos de veciños e festeiros co típico menú das romarías galegas.

Non fará falta dicir que o nome do lugar non lle ven dun mercado ou tenda onde se venden toda caste de obxectos. Segundo o profesor silledense Manuel Mosquera, o topónimo vén do latín valetiar, do verbo valeo, que significa "poñerse ben", xa que disque nesta aldea de Bazar houbo un hospital da civitas Deza, onde os que parecían enfermidades infecciosas ficaban convalecentes e afastados para non contaxiar aos demais. Por iso, Bazar debeu ser lugar importante na antigüidade e debería escribirse con "V" e non con "B", segundo publicou o amigo Mosquera no seu libro Deza Augusta. Para outros autores, o topónimo vén de Bazarius, propietario dese lugar que aparece nun documento do ano 922.

A ermida de San Caetano, ou San Queitán, foi refeita no emprazamento actual no ano 1717, segundo reza unha inscrición que coroa o seu único retablo, que, xunto coas imaxes, mandou facer Bartolomé Espinossa, comisario do Santo Oficio e cura de Abades e anexos. A tradición di que a antiga capela estaba situada un cento de metros máis arriba, coroando o penedal que aínda se coñece como o Coto do Santo, que sinala unha cruz de ferro que substituiu a de madeira que podreceu anos atrás. O cotarelo que domina o curso do río Deza, con trazas de ter sido castro ou torre vixía na antigüidade, ofrece boas panorámicas das terras de Bascuas e Merza no municipio das Cruces e xunto con outros penedais -Alto da Forca, Penedo Redondo, Penedo Zoador ou Penamoura- son escenarios de moitas lendas que recollemos uns e outros e publicaron os alumnos do IES Pintor Colmeiro de Silleda no libro A paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda (Alvarellos SL Aprint, 2015), dirixidos polos seus profesores e coordinados polo investigador Xoán Carlos García Porral.

Da capela ofrece unha ampla reseña José María Ezequiel Ferrer Valiente no seu ben documentado libro Santuario da Nosa Señora do Desamparados (Edicións Fervenza, 2019), sinalando que é unha capela moi sinxela con tellado a dúas augas, porta principal con pórtico no que se atopa unha rústica imaxe de pedra dun santo de difícil identificación, por canto a cabeza debe ser posterior á imaxe orixinal, que semella foi decapitada en tempos e foi substituída por esta. Sobre a porta lateral está a campá que soporta un sinxelo armazón de ferro. Na única nave da capela, está o retablo barroco de madeira de ciprés, con columnas salomónicas e acios de folla de vide enlazados, coroada pola inscrición referida nunha táboa ovalada. Nel están as imaxes do San Caetano, actual titular da capela, en cuxa honra se fai a romaría, o Santiago Peregrino ao que segundo os paisanos estivo dedicada a ermida noutro tempo e aínda a coñecen así. Tamén hai outra imaxe de culto que semella dun frade franciscano, a xulgar polo hábito, aínda que non desbotamos que poida ser unha representación sui generis dun San Benito Abade, xa que no retablo atopamos solta a imaxe do corvo co pan que é atributo deste santo, ou mesmo un San Francisco de Asís, sen desbotar un San Antonio. Tanto o retablo coma as imaxes, que se veñen gardando na casa dos veciños por mor dos ladróns e só se exhiben na capela o día da festa, precisan unha axeitada restauración.

Ludeiro e O Corpiño

O San Caetano ten o día propio da celebración o 7 de agosto. O Pai da Providencia é o patrón dos xestores administrativos e dos obreiros desempregados, que nos nosos tempos son lexión. Por iso, quen teña fe e non viñera ofrecido a Bazar o pasado domingo pode facelo hoxe mesmo, indo ao lugar de Ludeiro, na parroquia de Soutolongo (Lalín), onde celebran romaría na capela que aquí ten este avogoso santo. Ou tamén pode acudir calquera día do ano ao Santuario do Corpiño, que a coitío está aberto ao culto e garda unha fermosa imaxe do San Caetano, lembrando ao que fora famoso arcebispo dezao Cayetano Gil Taboada.

Compartir el artículo

stats