A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda convoca o oitavo Concurso de Microrrelatos, no que poden participar os veciños de seis anos en diante que estean empadroados no municipio. A temática deste ano serán as redes sociais, e o xurado terá en conta tanto a orixinalidade como a creatividade.

O prazo para presentar os traballos estará aberto desde onte martes ata o 22 deste mes. As bases poden consultarse na web municipal e establecen, como en anos anteriores, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos, e outra para persoas de 13 anos en diante. Os textos teñen que estar escritos en galegos e poden estar tanto a man (cun máximo de 100 palabras) como a ordenador (cun tope de 500 caracteres). Deben presentarse en papel DIN A4 e estarán asinados cun pseudónimo. Deben presentarse nun sobre, indicando o nome do concurso e na categoría que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Poden remitirse por correo a Concello de Silleda, Rúa Trasdeza, número 55, Código Postal 36.540, ou entregalos no rexistro do consistorio.

O xurado estará composto por profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Pilar Peón, ou a persoa en quen delegue. O tribunal dará a coñecer o seu fallo antes do 10 de maio. Os premios serán unha tablet valorada en 120 euros e un libro en galego, na categoría de 6 a 13 anos, e unha tablet valorada en 45 euros e tamén un libro en galego, para a de 13 anos en diante.