Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nas ribeiras do Lérez, onde nace a aurora

Mesmo sen materializarse, o macroencoro de Dorna faría desaparecer a Pontapedre medieval e o muíño do Sieiro

Hai unhas semanas fixéronme chegar un correo remitido polo ilustre arquitecto Anxo Canabal Chamosa, oriúndo do concello de Forcarei. O seu contido, minuciosamente disposto, avíñase á feitura das matrioskas, pois, acompañando unha agarimosa carta de presentación, o destinatario houbo de abrir un terceiro sobre contendo un disco compacto belidamente presentado.

A cuberta do CD incitou o sorriso, pois, non era a primeira vez que batía cunha reprodución do desaparecido (ou relocalizado) muíño de Sieiro ou da Pontapedre. Recoñecino ao instante. Arredor daquel alzado anterior do muíño, líase: "Así se escribe la historia" - "En las riberas del Lérez, en donde nace la aurora...".

Refreando a curiosidade, comecei polo comezo. Despreguei a carta, e a lectura do primeiro parágrafo volveume confirmar que, malia a arteira estratexia de silenciamento desenvolvida pola amortizada autoridade cerdedense, as cousiñas que, humildemente, imos facendo non caen en fol rachado (e, falando de muíños, nunca mellor dito). Canabal Chamosa dáballe principio á misiva do seguinte xeito: "Carlos. La mejor forma de dejar algo para la historia es ponerlo en las manos de alguien que lo transmita al pueblo, por eso quiero que esto llegue a tus manos".

Agradecéndolle a súa deferencia e a súa confianza, afaneime de contado na súa esburga. Axiña me decatei de que Canabal Chamosa me escollera como custodio ou fideicomisario duns documentos de valor incontestábel que, a continuación e a xeito de acta de recepción, enumero:

-Unha copia actualizada en formato PDF do seu traballo de investigación "Arquitectura rural en Galicia. Los molinos de agua en Cerdedo", cuxa versión orixinal data de abril de 1988. O ensaio, ilustrado con fotografías e debuxos, estrúturase consonte o índice seguinte: 1) La arquitectura rural, 2) Los molinos, 3) Materiales y detalles constructivos 4) Elementos propios y esquema de funcionamiento, 5) Estudio del molino de maquía de la familia Sieiro de Pedre y 6) Detalles de un molino artesano sobre el río Lérez.

-Copias en formato JPEG de seis debuxos que a arquitecta María Ilde Portos Taboada, natural da Insua (Parada), elaborou, in situ, do muíño da Pontapedre en 1983.

-Unha copia en formato PDF dun artigo publicado por Canabal Chamosa en Diario de Pontevedra o domingo 6 de decembro de 1987, baixo o titular: "La arquitectura rural de la Tierra de Montes que se pierde". En caracteres máis pequenos: "Algunas cuestiones sobre el conjunto puente-molinos de El Serrapio-Cerdedo".

Ao respecto do traballo de investigación, o autor emprega o primeiro capítulo para facer fincapé nos males atávicos da Galiza rural (en xeral) e da bisbarra de Montes-Cerdedo (en particular): a emigración, o avellentamento da poboación, o éxodo rural e os subsecuentes abandono e despoboamento.

O autor aínda confía no parcelamento como remedio. Na zona e por desgraza, os proxectos levados a cabo (serodios e erroneamente plantexados), mostráronse insuficientes para atallar a doenza, a todas luces terminal. Na miña opinión, a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, puro albedrío dos alcaldes respectivos, non se debe concibir xamais nunca como solución, senón, máis ben, como unha fuxida cara adiante que nos devolverá, en poucos anos, á mesma encrucillada. Segundo a sabenza popular: mentres o pau vai e vén, descansa o lombo. O lombo de quen?

É indiscutíbel que a consumada fusión esgazou unha comarca histórica e un partido xudicial, amais de provocar o fastío (calado ou explícito) de numerosos veciños. Por moito que a edulcoren, esta controvertida decisión só evidenciou a clamorosa ausencia dun proxecto revitalizador que espreguice de vez este malfadado territorio.

Abórdase así mesmo neste capítulo o espiñento asunto da conservación do patrimonio e, en concreto, da arquitectura tradicional. Canabal Chamosa reflexiona atinadamente: "no es difícil predecir su inmediato futuro: ¡su desaparición!, producto precisamente de la destructiva civilización moderna, que en la mayoría de los casos todo lo arrasa; en los menos, sustituye parcial o totalmente los materiales tradicionales que las forman por otros, que como consecuencia de las nuevas tecnologías (que en nada, o en muy poco, se integran en el propio conjunto arquitectónico), le confieren a las construcciones un carácter infinitamente distinto al primitivo, destacando precisamente en el medio como elementos amorfos y extraños entre sí".

"Amurallamentos"

Moi oportunas estas palabras, cando, hoxe mesmo, a paisaxe de Cerdedo sucumbe a unha folía de "amurallamentos": rudos e desmesurados paredóns de pedra alóctona que, nalgún caso, viñeron substituír os antigos valados de cachote ou perpiaño. No eido da vivenda tradicional, Canabal Chamosa engade: "los propios descendientes y herederos de estos bienes, se avergüenzan en la mayoría de los casos de su ascendencia familiar, de haber habitado en estas pequeñas, pero racionales viviendas, verdaderas joyas de la arquitectura popular, exponentes del conocimiento del oficio de nuestros artesanos, canteros, carpinteros, herreros, etc.". O apesarado arquitecto amenta tres "xinetes da Apocalipse": "las plaquetas cerámicas, el aluminio y las láminas de fibrocemento". O cuarto xinete é, sen dúbida, o granito "rosa Porriño" ou similares.

Gabando a denominada arquitectura popular ("la de autores anónimos, la de pequeñas obras que dicen mucho de la forma de vida de un pueblo, de su cultura, su economía, su tradición, etc."), Canabal Chamosa vainos levando da man deica a aldea do Serrapio (parroquia de Pedre): "Este pequeño conjunto de viviendas está perfectamente integrado en el medio, casi confundido con él, en el que cada elemento parece colocado en su sitio y de la forma más adecuada". Emprega o autor o apelativo de "aldea inundada", xa que, mesmo sen materializarse o proxectado macroencoro de Dorna, as expropiacións levadas a cabo a comezos dos anos 80 provocaron a destrución ou relocalización de boa parte dos elementos arquitectónicos que configuraban aquel casarío. O anunciado asolagamento da valiña do Lérez tamén faría desaparecer o conxunto da ponte medieval (sec. XIII) e mais o muíño maquieiro (de comezos do século XX) localizado ao seu carón. A Pontapedre e o muíño de Sieiro, afastados construtivamente máis de 700 anos, exemplificaban a perfección a perdurabilidade da arte e do oficio dos nosos canteiros.

Aburado polo enlagamento inminente e polos procesos expropiatrios, Anxo Canabal Chamosa, a pé de obra, redacta o excelente capítulo "Análisis formal y funcional del molino de maquía con cuatro pies de la familia Sieiro en O Serrapio": localización, descrición, costumes populares, aspecto funcional, cerramentos exteriores, divisións interiores, escaleira, cuberta, pousafoles, materiais, muros, aberturas, elementos propios (esquema de funcionamento)... O texto acompáñase dun bo número de fotografías e debuxos. Como explica Canabal Chamosa na súa amábel carta, "los dibujos del molino de la familia Sieiro son los originales realizados en el año 1983 en el propio molino por la arquitecta Maria Ilde Portos Taboada".

No ano 1986 ou 87, o muíño da Pontapedre é adquirido por un particular e trasladado a Codeseda (da ribeira do Lérez á ribeira do Umia), transformándose nunha vivenda de recreo. A presión veciñal acadou, finalmente, a paralización do proxecto da megabarraxe ou, como se di con retranca, Fenosa contentouse con facer tres de vinte no canto de un de sesenta (enténdase, altura de salto).

Os documentos gráficos, na súa meirande parte inéditos, son de especial relevancia, pois, ofrécennos fidel testemuño daquela desposesión e garantirían a reconstrución do muíño se existir vontade de devolvelo ao seu lugar de orixe. Enumeremos os albos das ilustracións: "Fachada principal y lateral derecha en su actual emplazamiento" (fot.), "Fachada principal del molino" (deb.), "Organización de la planta de los elementos de molienda y cocina. Dormitorio en planta superior" (deb.), "Detalle de disposición de elementos mobiliarios" (deb.), "Fachada y sección transversal" (deb.), "Detalle de tabique de división interior" (deb.), "Planta de escalera" (deb.), "Foto de la sección interior", "Sección interior y detalle de tejadillo" (deb.), "Detalle del pousafoles" (deb.), "Fotografía del pousafoles", "Sección longitudinal del molino del Serrapio de la familia Sieiro" (deb.), "Vista del molino desde el puente de O Serrapio" (fot.), "Detalles constructivos de varios tipos de aperturas" (deb.)...

O magnifico traballo copleméntase cun estudo doutro muíño (de herdeiros), sito na marxe esquerda do Lérez e próximo ao desaparecido da Pontapedre, e péchase cunha pequena achega ao cantigueiro da moenda.

Outro dos documentos remitidos é unha copia do polémico artigo que, o 6 de decembro de 1987, Canabal Chamosa publicou en Diario de Pontevedra. Nos meus libros As pedras da tribo (2014) e A conxura dos Gosende (2015) xa me ocupei do asunto, solidarizándome con quen, antes ca min, vira comprometido o seu benestar por responsabilizar a autoridade cerdedense daquel espolio.

Os debuxos e as fotografías contidas no traballo e cedidas xentilmente polos autores, algunhas das cales acompañan este artigo, arrequecen o escaso material co que xa contabamos para fundamentar o estudo do binomio ponte-muíño: un debuxo de Agostiño Portela Paz (As pontes do Lérez, 1987), dúas fotografías aparecidas en Faro del Lunes (17-12-1984) e a oportunísima reportaxe (e mais exposición) que sobre Pedre fixo Augusto Fontám, mobilizado tamén na loita contra o encoro. Di o refrán: Quen de verdade quere dar, non ofrece.

Compartir el artículo

stats