O domingo 23 de Nadal, a tropa do Capitán Gosende visitou o predio ribeirán coñecido pola Veiga dos Muíños. No esplendor do Cerdedo agrícola, mentes escorreitas enxeñaron no eido largacío a infraestrutura necesaria para espremer o potencial hidráulico do río Lérez sen que a contorna natural se vise, apenas, alterada.

Naquel treito fluvial, o Lérez cingue unha lenta chaeira de labor, hoxe verdecente pradaría. A sabedoría de antano soubo furtarlle ao río un retallo do seu pulo vital, domealo, embridalo e polo a traballar en proveito do pan noso de cada día. A canalización, que burla o arrodeo da corrente principal, atravesa a agra riscando unha diagonal na orientación NE-SO. A canle afástase da madre pola beira esquerda e, percorridos 250 m, a auga torna ao seo materno, non sen antes se lles insinuar infrutuosamente a cinco muíños fariñeiros e un serradoiro, hoxe imposibilitados pola ruína. Xa que logo, non debemos falar de furto, só comensalismo cordial.

Por se prouguer o paseo, dende a ponte Valoutas, a poñente do vilar de Cerdedo, na intersección das estradas de cara a Deán e Figueiroa, o camiñante debe transitar uns 500 m por unha verea dereita que, río arriba, guiará os seus pasos até o nacedoiro da presa.

A Veiga dos Muíños componse de oito parcelas chás que, en por xunto, conforman unha superficie triangular dunhas 2 hectáreas, derregadas, ao sur, pola levada da moenda e o carreiro de acceso e, ao norte, pola reconca do curso fluvial. O río Lérez, superado o encaixamento do monte de Cerdedo, estarrícase lizgairo na súa travesía por San Xoán, até recibir, alén da estrada xeral, a xenerosa achega do río do Castro: o Lérez leva a fama e o Castro, a auga.

A Veiga dos Muíños, xa consignada no Catastro de Ensenada (1752), revélasenos unha e outra vez como un deses lugares privilexiados que, a por de auga murmurada, atinxiu adormentar o tempo no seu regazo.

Con frecuencia, deixo que o Lérez me leve até a Veiga dos Muíños. Cando, por vez primeira, visitei o lugar (soidades de mozo explorador), deime conta de que algo non marchaba ben en Cerdedo. Antollábaseme inexplicábel o seu abandono. Facíaseme incomprensíbel como aquel senlleiro conxunto arquitectónico, ergueito nunha paisaxe de fábula, fora cedido, sen dó, ao arbitrio das silveiras. Hoxe, home descrido, xa nada me abraia. Éche o que hai.

Viaxo moito polo país, atraído pola frauta das innumeras beldades que o adobían. Son consciente -sete vidas tivese- de que aínda me restan tantos destinos incógnitos e marabillosos coma capacidade de admiración, malia que as inmutábeis e tendenciosas directrices políticas teñan condenado o máis do noso patrimonio ao travestismo ou ao mero indicio.

Mesmo así, os meus periplos téñenme dotado de perspectiva abonda para afirmar con fundamento que o noso concello atesoura unha chea de recantos únicos e irrepetíbeis, inaccesíbeis á clonación, herdanza da pródiga natureza e das mans sabias e habelenciosas dos nosos labregos e canteiros. A súa pertinente valorización repercutiría xaora moi positivamente na economía local. Ende mal, o calamitoso estado de conservación da Veiga dos Muíños explica con claridade meridiana por que Cerdedo non é Allariz. No célebre concello ourensán souberon extraer ouro das súas "pésimas palleiras".

A Veiga dos Muíños localízase nas proximidades do rueiro de Cerdedo. O paseo a pé, dende calquera punto do poboado, convértese nunha actividade saudábel, apetecíbel e levadeira, ben pola rampla de San Xoán, ben polo camiño hortelán que, dende a praza do Concello, nos conduce, á vista dos hórreos da Pena, deica o río.

Non fai falla ser moi espelido para decatarse de que o traxecto (pouco máis dun quilómetro) que une o fondal de Santo Antonio (ermida, cruceiro e ponte sobre o río do Castro), a igrexa parroquial (mais praza, cruceiro e casa reitoral), a eira da Pena (dez canastros sobre eirado comunal) e a Veiga dos Muíños (cinco aparellos aliñados na ribeira do río Lérez) configuran o conxunto etnográfico-artístico-arquitectónico máis notábel que Cerdedo e Terra de Montes lles poden ofrecer aos curiosos visitadores que, ben afagados, axiña se converterían en hóspedes ou comensais.

Eu, dende estas páxinas, exhorto a quen incumba en prol da axeitada promoción destes catro relanzos da nosa historia, entendidos como un todo excepcional, un pack turístico -desculpen a modernidade- baseado no denominador común da pedra utilitaria, a pedra transformada polo home.

Promocionalos non consiste en facelos constar nunha restra de webs, descoidadas e desactualizadas, senón en actuar, alí onde conveña, favorecendo a conservación e dignificación dos nosos atractivos. Cómpre, daquela, abstérmonos de crear falsas expectativas, o turista esixente só permite ser enganado unha vez.

Temos o privilexio de sermos e sabérmonos morgados dunha riqueza sen parangón. Esixamos de quen nos goberna a habilidade necesaria para meterlla polos ollos a quen fai un pouso en Cerdedo. No tocante á súa dignificación, eu comezaría por afastar de Santo Antonio o aberrante tendido eléctrico que tanto mal lle fai á panorámica e, acto seguido, exoneraría a Veiga dos Muíños da ameaza dos proxectados viadutos (variante, AVE).

Lin na prensa, días atrás, que o Concello proxecta un ambicioso plan de restauración dos muíños do río do Seixo. Debo confesarlles que, naquel intre, un arrepío desacougante rabuñou o meu espiñazo, xa que coñezo sobradamente o que, neste país, se entende por restauración: pedra lavada a presión, enfuscado de chiculate -cando non, recebado integral- e placa inaugurativa. Estas intervencións teñen pouco de "restauración", pois, desvirtúan sen arranxo a fasquía orixinal.

Hai tempo, expresei en Faro de Vigo (30-7-2009) a posibilidade de aplicar na restauración da ermida do Pego (Parada) o concepto de "ruína nobre". A escaseza de recursos públicos e o desleixo manifesto da Igrexa convidaban a optar por este sistema: desbravar a contorna do edificio, consolidar os muros que ameazan derruba, retirar a armazón e outros elementos expostos que poñan en perigo a integridade dos vivos, permitir o libre acceso ao interior, previamente saneado, e engadir un sutil panel informativo. Dado o despoboamento, a insuficiente vixilancia e a crise asoballadora, as portas trancadas só acirran o ladroízo (véxase, se non, a ermida do Pego).

Esta sorte de intervención urxente é a que esixen, cando menos, as cinco construcións da Veiga dos Muíños. Ditas tarefas non esixirían grandes investimentos, polo tanto, se a autoridade obvia realizar ou promover nelas algunha mellora, non será por falta de liquidez, senón por falta de sensibilidade.