20 de febrero de 2017
20.02.2017
campo do fragoso

Celta reactivo

20.02.2017 | 01:47
Planas supera a De las Cuevas, no partido de onte en Balaídos. // Marta G.Brea

Diante do Osasuna o Celta de Eduardo Berizzo demostrou ser un equipo reactivo. Tras a inapelable eliminación de Copa diante do Deportivo Alavés, despois dos nefastos derradeiros minutos do domingo pasado no Vicente Calderón, á que se uniu a actuación decepcionante en Balaídos do xoves fronte os ucraínos do Shakhtar Donetsk (tres derrotas consecutivas moi axustadas, polo tanto moi dolorosas), existía o perigo de que o Celta esvarase por vieiros tan perigosos como son os da melancolía e o desánimo. Por ventura non foi así. A versión B do equipo de Berizzo demostrou contar con enerxía, confianza, oficio e gol abondos para vencer con claridade a un cadro navarro que non soubo aproveitar as súas oportunidades.

Foi o de onte un Celta reactivo que apostou por un fútbol máis directo do que adoita, procurando atopar con velocidade as costas dos tres centrais navarros. Unha versión do xogo pouco habitual interpretada por unha trepia atacante inédita, Bongonda, Rossi e Pione Sisto, tamén os protagonistas do gol temperán, no minuto 22, determinante do devir do partido. Unha xogada de tiraliñas, iniciada na esquerda pola velocidade do belga, que pasou ao italiano, situado no centro da área, para que este cun taconazo de fantasía filtrase de costas ao dinamarqués que tivo a serenidade de canear ao seu marcador e logo xutar ás redes sobre o pao dereito. Un gol magnífico de composición e de resolución que abriu uns bos minutos de xogo celeste. Pouco despois, recuncou na área Rossi nunha xogada pola banda esquerda finalizada tras varios caneos cun xute chapado polo porteiro Sirigu. E pouco máis se pode contar de fútbol atacante celeste nunha primeira parte de aborrecible centrocampismo, no que os visitantes nos minutos finais chegaron a pechar aos celestes diante da portaría de Rubén.

Comezou o segundo acto cun Osasuna moito máis determinado e afouto. Sergio León puido nivelar a táboa de marcas no minuto 50 cun gran xute respondido por Rubén coa mellor parada do serán. Oportunidade que repetirían pouco despois Miguel Ángel de las Cuevas cun disparo dende o punto de penalti e Oriol Riera cunha cabezada, tras un saque de recanto, que lambeu o pao dereito. Os navarros tiñan moito máis intención ca acerto. Xaora, o partido esvarou por uns minutos de incerteza, onde comezaron os ires e vires que tanto dano lle fan aos celestes. Desta volta Berizzo non dubidou en mover o banco decontado e deu entrada na lameira a Jozabed, que con media hora por diante deulle a volta ao carpín. Co sevillano o Celta recuperou acougo e chegada, que se incrementaría notablemente coa incorporación de Iago Aspas faltando apenas un cuarto de hora.

Cos dous artistas sobre a lameira chegaron os goles. No 86, Jozabed cabezou un saque de recanto do Chelo Díaz, que o porteiro navarro non puido evitar que se coase preto do primeiro pao. Apenas dous minutos despois o mediocampista sevillano serviu de marabilla unha pelota longa en diagonal sobre Aspas para que correse con ela pola banda esquerda e superase ao porteiro na area cun globiño de precisión, auténtica marca da casa. Toda unha xenialidade do Merlín de Moaña que pechaba unha táboa de marcas, quizais un pouco avultada para o xogo que onte ofreceron uns e outros.

Abofé que non foi este un partido gañado polo fútbol de salón que tanto presta en Balaídos. Pola contra, abondaron unha defensa moi sólida, dúas contras veloces e un saque de recanto para superar aos rochosos centrais navarros. Outra versión do xogo moi ben executada pola versión B do cadro de Berizzo. Unha demostración de versatilidade e confianza nas propias posibilidades que nos permiten enxergar con certo optimismo o dificilísimo partido do xoves en Ucraína.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Este sábado, a las 16.15, se disputa el Celta - Valladolid y en FARO te invitamos a Balaídos. Responde a nuestras preguntas y gana 2 entradas en Tribuna para ver el partido.

Este domingo se disputa el Desafío Santander Islas Cíes y en FARO lo celebramos sorteando 10 mochilas oficiales del triatlón. Contesta a las preguntas y luce mochila nueva.

Buscador de deportes