A filóloga, poeta e narradora Emma Pedreira (A Coruña, 1978) acaba de resultar gañadora do Premio Xerais de Novela 2018, pola súa obra "Besta do seu sangue". A autora forma parte da denominada Xeración Poética dos 90 e é membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega.

O xurado asegurou que "Besta do seu sangue" supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros".

A premiada, Emma Pedreira indicou que entende "o medo das valentes e a responsabilidade das fortes". "Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade", asegurou tras coñecer o Premio.

Pola súa banda,"Kusuma" de Héctor Cajaraville resultou meredora do Premio Merlín de Literatura Infantil. Non é a primeira vez que Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) -xornalista que exerceu como responsable de prensa en diferentes entidades e institucións, como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a Universidade de Santiago de Compostela ou o Concello de Santiago- obtén un premio: en 2015 xa gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, "De remate", e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Quen dá a quenda? (Xerais, 2016).

Pola súa banda "Aplicación instantánea" de Carlos Negro obtivo o Premio Jules Verne de Literatura Infantil. O escritor Carlos Negro (Lalín, 1970) é autor de obras en Xerais como Far-West (Xerais 2001), Makinaria (Xerais 2009), Penúltimas tendencias (Xerais 2014 e tamen Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil)