03 de abril de 2018
03.04.2018

O Festival Kerouac de Vigo fala galego en Nova York

A cita comeza hoxe con Marcos de la Fuente, Vanesa Álvarez e Francisco Castro, entre outros

03.04.2018 | 13:48
"Flashmob" poético de Marcos de la Fuente en Vigo.

O Festival Internacional Kerouac Nova York falará galego na terceira edición que se desenvolverá desde hoxe ata o día 8 de abril e que consolidará este evento no que a poesía toma as rúas para mesturarse con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética.

E farao co apoio da Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tal e como anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral, Valentín García, e un dos responsables do festival, Malvares de Moscoso.

"O Festival Kerouac de Vigo chega por terceira vez a Nova York e, da súa man, fano a lingua e a cultura galegas para visibilizarse e proxectarse internacionalmente neste evento que se dá cita arredor da palabra e da poesía, da música, da pintura, da performance ou do teatro", destacou García Gómez.

A representación galega nesta III edición do Festival Internacional Kerouac NYC correrá a cargo de Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez (os dous últimos, responsables da empresa organizadora, Culture Lovers S.L.).

Aínda que as seis citas que configuran o cartel do festival ao longo de seis días inclúen presenza galega, Galicia terá un protagonismo especial no encontro previsto para o sábado 7 de abril na Casa de Galicia de Nova York, no que participarán exclusivamente catro galegos: Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López e Marcos de la Fuente.

Toda a información está na páxina web do evento festivalkerouacvigo.com.

O latexo poético do século XXI

O Kerouac é un evento internacional que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril. A súa inspiración é a Xeración Beat e a súa finalidade a de levar a poesía ás rúas.

Nesta súa terceira edición amplíanse a seis os espazos e sedes na Gran Mazá, no que será o ano da definitiva consolidación do Festival en EE UU, cos obxectivos de presentar a poesía como unha ponte que une países, cidades, continentes e artistas e que elimina fronteiras; irmandar as dúas linguas máis importantes de Nova York (inglés e español) coa galega; poñer en valor a creación poética e a palabra en todos os seus rexistros e contextos artísticos e ofrecer os seus espazos de intervención como territorio do latexo poético do século XXI.

O evento conta co apoio da Consellería de Cultura, canda outros coma os do Bowery Poetry Club e o NYC Ferry neoiorquinos, o dos Haiku Guys + Gals ou o do Consulado de España en Nova York.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook