O escritor e xornalista Xosé Fermández Ferreiro, nacido no 1931 en Nogueira de Ramuín, faleceu e a súa capela ardente atópase no tanatorio Albia, en A Grela (A Coruña), onde hoxe, ás 15.15 horas, recibirá unha homenaxe da Real Academia Galega (RAG) na que ingresou como académico numerario no 2013 nun discurso que foi respondido por Manuel Rivas.

Ferreiro foi un dos membros fundadores do mítico grupo literario Brais Pinto, que naceu en Madrid no ano 1958 e que entre os seus integrantes atopábanse intelectuais como Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño ou Manoel María, entre outros.

Uns anos antes, Xosé Fernández publicara un poemario en galego, nun tempo, o da posguerra, no que ninguén escribía nesta lingua. O nome elixido para os versos foi Ribeirana do Sil. No 1975, publicou a primeira novela de vaqueiros en galego baixo o título de A morte de Frank González. Seguiu sacando do prelo libros ata que no 1991, gañou o Premio Xerais con Agosto do 36. Nesta novela, relataba a represión trala Guerra Civil sufrida na zona de Nogueira de Ramuín.

Homenaxe

O mundo literario galego mostrouse consternado ao coñecer o falecemento de Fernández Ferreiro. De igual modo expresáronse no seu concello natal, Nogueira de Ramuín, onde xa están a programar diversos actos de homenaxe.

O alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente, sinalou que a noticia os deixara "consternados" e que "a pesar de non recibir ningunha notificación oficial", colocaron as bandeiras a media hasta. "Así estarán durante tres días", confirmou Parente, que estudou onte con varios membros do Concello outras homenaxes para o que era o cronista oficial da vila e un dos seus fillos predilectos. De feito, en Nogueira ten un parque e un monumento.