Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

VAL MIÑOR

A curta 100% gondomaresa "Os uruguaios viñeron despois" estréase hoxe no Lois Tobío

O director é Pablo Casal e os nove actores saen dos grupos de teatro do IEM e A Moura de Chaín

Unha imase do tráiler da curtametraxe que se estrea hoxe no auditorio Lois Tobío ás 20.30. // Cedida

O auditorio municipal Lois Tobío acolle hoxe unha esperada estrea. A curtametraxe "Os urugaios viñeron despois" -grabada en Gondomar e escrita, dirixida e interpretada por gondomareses- poderase ver alí a partires das 20.30. Pablo Casal, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Miñoráns, é o guionista e director da cinta que interpretan un total de nove actores, integrantes todos eles dos grupos de teatro do IEM e A Moura de Chaín, ámbolos dous ben coñecidos e apreciados polo público local.

Aínda que é inevitable pensar na emigración nada máis ler o título, dada a forte vinculación da vila condal con Uruguai, o destino de centos dos veciños que marcharon na procura dun futuro mellor nas décadas centrais do século pasado, o autor desta película de 16 minutos de duración prefire manter o misterio sobre o argumento. "A temática principal é a compostaxe pero tamén abordamos a emigración, un recoñecemento ás persoas que se foron e voltaron ou ás que quedaron alá e contribuiron a facer o país que hoxe é Galicia", comenta. Os espectadores despexarán a difícil conexión entre a reciclaxe de residuos orgánicos e o éxodo de veciños cara ultramar só cando vexan a obra, avanza Casal.

A recoñecida xornalista e guionista de cine e de televisión Araceli Gonda, nacida en Morgadáns, será a encargada de conducir a estrea, na que se proxectarán tamén as tomas falsas e trala que haberá unha actuación musical e "varias sorpresas", segundo anuncia o director.

O traballo cinematográfico desenvolveuse sen financiación externa, polo que os promotores lanzaron unha campaña de micromecenado para que a xente que o desexe colabore coa súa aportación. Poden facelo a través do número de conta ES03 2080 1194 6130 4001 3843.

Compartir el artículo

stats