Onte, cento e un anos despois de ver a luz en Ponteareas, Ponciano Mera Viana, o meu avó, Nano para tantos ponteareáns, apagouse para sempre. Chegou a este mundo poucos días depois do afundimento do Titanic e márchase logo de ver con admiración un presidente negro na Casablanca, fitos históricos que marcaron o inicio e o final dun percorrido vital irrepetible pola distancia no tempo mais tamén pola intensidade dun século de vertixinosas transformacións.

Até o seu derradeiro alento, Nano foi a memoria viva dos dous séculos nos que lle tocou vivir, pero sobre todo foi a lembranza permanente de cen anos de Ponteareas e de ponteareáns. Aos que tivemos o privilexio de compartir horas e conversa con el na súa casa ou nas tertulias do Centro Artístico Sportivo, a súa prodixiosa memoria transportounos aos seus tempos de cativo co mestre Ramiro Sabell, baixo a monarquía de Alfonso XIII. Viaxamos ao esplendor do balneario de Mondariz na ditadura de Primo de Rivera, cando Nano era aprendiz de perruqueiro na barbería do seu pai na Praza Maior. Rememorounos a esperanza e ilusión daquel 14 de abril de 1931 e do bando de Vidales Tomé anunciando a chegada da República e, con ela, do esplendor do entroido ponteareán protagonizado por el mesmo, Tomé ou Casasnovas entre outros. Revivíunos con pavor o terror e o medo que experimentou na guerra civil que o arrastrou até o frente de Madrid e de Teruel, no terrible inverno de 1938. Compartimos con el as súas tristes lembranzas da posguerra da fame e a miseria, tempos do extraperlo que coñeceu de primeira man como xerente da emblemática empresa Ojea. Contaxiounos o seu espíritu emprendedor, baixo a ditadura de Franco, recordando as súas iniciativas co Parque Tea, con Paco "Varillas", ou a fábrica de gaseosas e refrescos DUX co seus grandes amigos Daniel Ojea e Feliciano Barrera. - lembrounos a fin da ditadura e o inicio dunha nova etapa democrática que traería a súa derradeira iniciativa profesional, a primeira inmobiliaria de Ponteareas. - así até hoxe. Deixounos nestes tempos de crise económica e de guerras e conflictos bélicos un dos últimos supervivintes do crack do 29 e da guerra civil. Non foi o cronista oficial de Ponteareas porque nunca existíu tal figura no noso pobo, pero sen dúbida foi o recordo vivo dos últimos cen anos de Ponteareas. A súa ironía nunca o abandoou: "Vos pensades que non, pero algún día vou morrer", dicíanos hai un ano na celebración do seu centenario. Onte fíxose realidade o seu vaticinio. Pero equivocouse. Para nós non morreu, el e as súas lembranzas seguirán moito tempo..

*Abogado e exconcelleiro do BNG en Ponteareas