Fai un tempo xa escribín un artigo que trataba do mesmo asunto. Daquela titulábase " as pexas", e versaba sobre que é de sentido común que se non se lle poden poñer pexas ós animais, tampouco á xente.

O motivo de volver a insistir sobre o tema é que cada vez se están a construir moitas máis. Parece ser que a xente que vive preto das vías as pide. Di o refrán que para "o vicio de pedir hai a virtude de non dar", ou algo así. Ás veces non sabemos ben o que pedimos, só pensamos en nós, e queremos arranxar as cousas así ó bruto. Non se pode contentar á xente con certas cousas. E menos que se faga ca idea de apañar algo de votos..., non quero ser mal pensado.

Esas obras que se fan cada vez máis nas estradas para frear o tráfico desa maneira son criticadas pola inmensa maioría dos que temos que usalas. E permitídeme que eu lle chame "valados", pois á verdade algo parécense... A ninguén se lle escapa que están mal construídas e causan un dano no lombo dos que circulamos a diario por elas. Está demostrado que aínda que se pase a velocidade que se marca o golpe nótase no coche e no corpo.

Por outra banda as normas de tráfico din que non se consideran obstáculos nas estradas sempre e cando cumpran as normas de Fomento. Non as cumpre ningún! E, quen está a incumprir a legalidade? A Xunta, a Deputación, os Concellos...? Pois se non dan exemplo eles, "apaga e vámonos"!

Estamos a falar de preparar espazos peonís para que a xente desfrute deles, e por outra parte poñémoslles eses atrancos para chegar a eles no coche. A calidade de vida debe estar en todos os espazos, tamén nas vías.

De verdade é unha mágoa que non se utilicen outras formas, máis intelixentes e con más imaxinación para educarnos nas vías. Penso que os rexedores de turno ten a obriga de facelo doutra maneira. Os valados só serven para cerrar as leiras, non para poñelos nas estradas