Como pingueiras de chuvia que mollan o camiño que ando, as ausencias da xente que aprecio desandan o camiño percorrido da miña vida e lévanme outra vez á miña infancia. Acaba de finar Amado Ricón. Home bo, amable, agarimoso... Amado, o nome fala xa do moito que a xente o quería. Amado. Pero sempre Amadito para a xente que o tratou; o sufixo diminutivo (castelanizado) que garda o seu nome evidencia tamén o cariño da xente que o coñeceu. Un home culto, gran conversador, amable, humilde; unha persoa que nunca facía de menos a ninguén, independentemente da condición cultural, social, económica ou mesmo persoal que tivese aquel co que falase. Amado, sempre Amado.

Na memoria gardados para sempre eses veráns da miña infancia no seu Fiat camiño da praia, preto da casa de Agustín (outro home de ben), na Marina. Na memoria agochados os risos e as conversas pícaras escoitadas cando nena no patín da miña casa naqueles días de verán cando morría a tarde e os morcegos voaban silandeiros arredor do canastro ergueito sobre a eira.

Na memoria agroman agora as súas sabias palabras sobre Pondal, sobre Rosalía, sobre Pedrayo, sobre Castelao... sobre tantos dos nosos insignes escritores... Mais tamén sobre a Esfarrapada, sobre a súa benquerida Redondela, sobre a súa historia, sobre as súas xentes, sobre o seu pasado. Os seus grandes coñecementos espallados por Galicia e por New York.

O catedrático, o estudoso da obra de Pondal. Culto, sabio, pero tamén afable, ameno, falangueiro, divertido...

Non só na memoria e no corazón dos seus estará sempre presente, senón tamén na lembranza e no corazón de todos os que tiveron a honra e a sorte de o trataren. Latexan na miña cabeza as sentidas palabras de meu pai ao se enteirar da triste nova:"Non era merecente de marchar xa, era un home bo".

O son das gaitas acompañou a este home bo e xeneroso no seu derradeiro paseo. Amado, sempre Amado.