O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anuncia a bombo e prato que o próximo "Carnaval" na cidade vai superar ao mismísimo Río de Janeiro.

Comprobo como unha vez máis, esta cidade vai perder unha excelente ocasión de diferenciarse da mayoría das cidades e pobos do Estado para erguerse en referente do entroido galego. Este ano tiven a oportunidade de acudir, unha vez máis, a gozar da Mascarada Ibérica, que cada ano se celebra nos pobos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo; unha magnífica representación dos entroidos galegos e mais tamén de lugares como Asturias, León, Extremadura, Castela a Mancha e mesmo de Portugal, Lazarim, Parada, Bemposta... A variedade e colorido das máscaras e traxes de boteiros, cigarróns, felos, bonitas, madamas, xenerais, volantes, peliqueiros, vergalleiros, truiteiros, sidros, caretos e moitos máis, faime pensar o que sería para unha cidade como Vigo, coa súa repercusión mediática, potenciar, exhibir e divulgar unha das máis senlleiras manifestacións do patrimonio cultural galego. O que sería para a poboación de vigueses e viguesas, nomeadamente os máis novos, gozar de toda esta riqueza particular e diferenciada da nosa tradición en vez de apostar por un desfile impersoal, repetitivo, importado.