Este día, un amigo envioume un pequeno dato aparecido na páxina de Facebook do Parque onde fala do afundimento do destrutor "Barsac" sucedido preto da illa de Onza no 1940. Chama a atención o que di con referencia aos proxectís que transportaba: "...A pesar de que han sido retirados numerosos proyectiles, es seguro que algunos de ellos todavía permanecen en el lugar, por lo que es preciso advertir contra la retirada de los mismos ante el riesgo de que su retirada y posterior manipulación provoquen daños. Las cargas explosivas y de impulsión de los proyectiles pueden permanecer activas muchos años, aún sumergidas en agua y estallar en caso de manipulación descuidada".

Os restos do "Barsac", cando foron redescubertos polo grupo de mergullo Ons e deron conta a Parques do achado dos proxectís, o director do Parque informou á Armada da existencia desa munición e esta pasou a retiralos para levala a desactivar a Ferrol (2008). Xa daquela, tanto eu como a Asociación PineirÓns, pediulle a Parques que falaran coa Armada para, despois de desactivalos, algúns deles pasaran a formar parte dos centros de interpretación de Vigo, como sede central, e Ons como sitio onde tivo lugar o naufraxio. Nestes centros, o Parque, debería, por medio dun técnico cultural que aínda non ten, poñer en valor esas pezas informando, en paneis e con fotografías, sobre o naufraxio e o alí atopado. Sería dun grande interese para un bo número de persoas interesadas na temática dos desastres marítimos e axudaría a potenciar, turísticamente, a Illa de Ons.

Cinco anos despois de que a Armada os levara, e comprobando que aínda non se fixera nada, púxenme de novo en contacto co director do Parque preguntando polo asunto, ao que este contestou (2013): "Aínda non hai nada exposto, xa fixemos no seu día os contactos e seguimos falando con eles, as cousas van por bo camiño, precisamente falamos a principios de mes con eles".

No 2015, de novo, enviei a miña proposta á directora xeral de Conservación da Natureza, que me contestou o seguinte: "Infórmolle que tras recibir o seu correo púxenme en contacto co director do Parque, o que me informa que están a analizar a situación. Pronto recibirá contestación". Aínda estou á espera...

Está claro que, desde Parques, non fixeron nada e o que podía ser outro punto importante para o turismo, o director só se preocupa da observación das estrelas. Esa exposición sería un punto importante de información para os turistas e veciños e así saber do perigo, no caso de que colleran algún nas súas artes de pesca.