Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, no que eu non estaba -non son tan importante e tampouco considero que tivese que estar-, a raíña avogou pola defensa do español. Lóxico e consecuente co que se supón que representa. O alcalde dirixiuse ao público congregado en Santiago cun discurso en galego e castelán e recitou un texto de García Lorca en galego. As miñas felicitacións.

Entre todos, hai alguén que di que temos a sorte de falar dous idiomas. Cando o lin, pensei, creo que te confundes, non dixo iso, dixo outra cousa.

Agora, resulta que aos galegos nos tocou en sorte o idioma galego xa que, segundo di o dicionario da lingua "a sorte é un encadeamento de sucesos considerado como fortuíto ou casual/ corresponderlle por sorteo".

Eu vivo en Madrid, falo todos os días galego e, dende logo, creo que non se debe á sorte, e tampouco considero que estea entre as cousas que se sortean e lle tocan a un en sorte.

Estou entre os que consideramos que Galicia forma parte das nosas vidas, coa singularidade de ter outro idioma grazas ao esforzo de moitos dos que naceron nesta terra preservándoo, coidándoo e compartíndoo. Isto non se debe á sorte, é o traballo daqueles que cren que a cultura se debe manter e preservar, por enriba das ideoloxías. Se a sorte se conxugase con grandeza, si estaría de acordo en que por falar galego somos un pouco máis grandes.

Os que aman aquilo que herdaron e o defenden e loitan para que non se perda e se faga máis grande, non xogan coa sorte, xogan co que cren que fará máis grande ás súas xeracións futuras. Iso chámase "sumar".

Eu sumo en galego e, como pertenzo a unha xeración na que sen sorte mo restaron, doulle as grazas a aqueles que, por narices, o preservaron.

Espero que os meus netos non consideren que teñen a sorte de falar galego e castelán, senón que por riba de todo preserven e loiten por aquilo que herdaron de persoas que dedicaron parte da súa vida a que a cultura galega prevaleza. A sorte para a lotaría.