“Devecía por fuxir de aquí. Sentíame atrapada no ambiente da aldea. Cando marchei a estudar foi unha liberación. Non lle dicía a ninguén de onde viña. Tiña vergonza de meus pais. Soñaba coa liberdade total, con non depender de ninguén: nin das persoas, nin da sociedade, nin do consumo, nin dun traballo... Procurei unha vida alternativa ao capitalismo, apegada á natureza. Quería ser unha hippy. Agora sei que os hippys máis auténticos que coñecín nunca son meus pais”. Este fragmento do libro “O ronco do carneiro” do dramaturgo domaiés Santiago Cortegoso, acompañado dunha fotografía autoría de Diego Seixo tomada no Fontán, en Domaio, é a imaxe de presentación do programa Días de Mar 2022 que encherá a vila mariñeira de propostas culturais do 1 ao 21 de agosto.

O VI Festival de Jazz de Moaña terá lugar a fin de semana do 13 e 14 de agosto. | // DIEGO SEIXO.

Os actos foron presentados oficialmente no Concello de Moaña coa presenza da alcaldesa accidental Marta Freire e a concelleira de Turismo Coral Ríos a quen acompañaron representantes dos colectivos moañeses que fan posible a celebración de Días de Mar, como son as asociacións Sueste, Olladas, Devanceiros do Mar, Moaña Antiqua, Illa dos Ratos, de Jazz de Moaña e de Apicultura de Galicia; ao clubs de remo de Meira e de Tirán, a todos os coros de Moaña e aos colectivos sociais de Meira.

A presentación do libro “Palmeiras, Piueiros” de Anxo Angueira, o luns día 1 ás 20.00 horas, no salón de plenos marca o inicio da programación. Ao día seguinte, no mesmo lugar e hora, Joám Evans Pim ofrecerá a charla “As marcas das comunidades mariñeiras galegas e portuguesas”, antes, ás 19.00 horas no alto da praza de abastos, inaugurarase a exposición fotográfica “Moaña colle o último barco” en homenaxe a Domingo Villar, organizada pola Asociación Olladas, que poderá visitarse ata o domingo día 7.

O programa Música no Ar da Deputación de Pontevedra chegará a Moaña o mércores 3 cun concerto, ás 21.00 horas, no adro da Capela de San Bartolomeu en Meira. E o xoves 4 proxección e charla O Mar: A Colección de Santos-Villaverde no APOI do Museo do Pobo Galego, con Concha Losada e X. Carlos Villaverde Román no salón de plenos, ás 20.00 horas.

A primeira fin de semana de agosto comezará o venres 5 coa XVII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais que se celebrará ata o domingo. Tamén o venres, ás 20.00 horas, haberá a ruta nocturna A Moaña Mariñeira e ás 21.00 horas concerto de Sú Garrido Pombo no Eirado do Ferreiro.

A música proseguirá o sábado, día 6, cun dos concertos estrela de Días de Mar. Guadi Galego subirase ao palco do Paseo Marítimo ás 22.00 horas, para ofrecer o seu espectáculo “Costuras”.

Feira da Moaña Mariñeira

O domingo día 7, ao longo de todo o día, celebrarase a Feira da Moaña Mariñeira no Paseo Marítimo. A apertura de postos será ás 11.00 horas e ao mediodía presentarase o libro “Todo chega desde o mar” de Santiago Ferragud. Ás 13.00 horas, haberá sesión vermú a cargo de aMar&Dar, que tocarán cancións de Portugal e Galicia. Xa pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, Trebellos encargarase da animación infantil, con actividades do mar para a cativada. Ás 19.00 horas dará comezo Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de ilusionismo de Galicia. E para rematar a xornada, ás 20.30 horas, Pandemonium en concerto.

Festival de Jazz

A sexta edición do Festival Jazz de Moaña terá lugar o sábado 13 e domingo 14 de agosto. Na primeira das xornadas actuará, a partir das 21.30 horas no Parque da Xunqueira, Pablo Castaño Quartet & Ugía Pedreira e no segundo día haberá sesión vermú, ás 13.00 horas, e pola noite, tocará Fernando Sánchez Quartet no arboredo da Xunqueira.

Nesta mesma xornada dominical, ás 12.00 horas, disputarase a VIII Bandeira Illa do Samertolameu-Concello de Moaña e o luns 15, dende ás 10.30 horas, a Travesía a Nado do Fisgón.

Festa Popular de Bronlle

Romaría con polbeiro, ovos fritidos con pan de millo, postos de artesanía, baile e actuacións musicais na Carballeira de Bronlle, en Meira. Así será a Festa popular de Bronlle o día 15 de agosto cuxos postos abrirán ao público a partir das 11.00 horas. Ás 12.30 haberá un obradoiro de zumba para todas as idades; as 13.30 Cantos de Taberna de Meiramar-Axóuxeres e ás 14.30 horas dará comezo o xantar; xa pola tarde, ás 17.30 horas Pajarito presenta o seu espectáculo infantil “A vida tola”, ás 18.30 horas obradoiro de baile e ás 19.30 horas actuación do grupo folk Os Melidaos.

A primeira hora da mañá haberá dúas propostas deportivas, ás 09.30 horas rutas mountain bike polos montes de Meira e ás 10.00 horas sendeirismo polo río do Barranco do Faro.

Na terceira e última semana de Días de Mar celebrarase o Festival de Habaneras, o xoves 18 ás 20.00 horas no palco da música; o espectáculo Mitic, o venres 19 ás 22.00 horas no paseo marítimo e o concerto Reencontros, o sábado 20 ás 21.00 horas no palco da música.

Feira do Mel

Os xardíns do Concello acollerán o domingo 21 de agosto, a partir das 11.00 horas, a IV Feira do Mel de Moaña que porá o broche de ouro a Días de Mar. Pola mañá haberá obradoiro infantil de candeas, pinta caras e reciclaxe con Cousas de Abellas e a comedia Aghripina e Modesta veñen mercar á feira do mel, que se repetirá á tardiña. Ás 13.30 horas Doce Agasallo e Mel á actriz moañesa maría Salgueiro. Pola tarde, ás 17.30 horas monicreques e obradoiro para a rapazada con O fogar das abellas, ás 18.00 horas concurso degustación de mel das expositoras da feira e ás 19.00 horas actuación de Retrouso de Cela. Ás 14.00 e ás 20.15 horas farase un sorteo de produtos da feira.

Nesta mesma xornada, realizarase unha nova ruta de sendeirismo, será a da Poza da Moura, en Domaio, con saída ás 10.00 horas.