“Celebramos a Festa da Rosa máis especial dos últimos anos, co calor humano da veciñanza, presentando a letra do noso himno e con máis rosas e máis fermosas que nunca. Volvemos a poder celebrar e compartir xuntos, tras dúas edicións marcadas polas restricións sanitarias. Volvemos cunha Festa da Rosa renovada e mellorada. Este ano o calor humano volveu por fin á Festa da Rosa, o calor dos veciños e veciñas, algo que me emociona enormemente. Tamén é unha Rosa moi especial porque presentamos oficialmente a letra do noso himno, a Alborada Camiño da Rosa composta por Xulio Lorenzo, cantada polos seus autores Antonio Barros e Ialma”. Así daba a benvida a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a tódolos asistentes ao día grande da Festa da Rosa, veciñanza e autoridades.

O acto rematou con todo o público cantando o himno, co seu compositor X. Lorenzo e os autores da letra A. Barros e Ialma ao son da Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Banda de Gaitas Ruada de Torroso. | // D. P.

A xornada comezou coa Misa Solemne cantada pola Coral Ventos do Val e con saída da cerimonia amenizada polo grupo de gaitas Ruada de Torroso. Tralo pregón, momento no que sonou por primeira vez o himno do Concello de Mos, chegou a entrega de premios, a mellor rosa de cada unha das dez parroquias, sendo a de Sanguiñeda a que máis ramos (33) presentou a concurso, e do que resultaron as grandes gañadoras as levadas polos nenos Marcos Pazos e Emma Verguela, da parroquia de Mos. Tamén se entregaron os premios ás empanadas de pan de millo, a mellor presentación, maior tamaño e mellor sabor.

O acto rematou con todo o público cantando o himno, previo reparto dun folleto coa letra, co acompañamento da Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Banda de Gaitas Ruada de Torroso.

A xornada festiva do 13 de xuño clausurouse co acto Xoga Mos c@s Mellores no que se rendeu homenaxe a 90 deportistas e clubs, incluíndo catro mencións especiais a Florentino Soliño Rodríguez, que leva máis de 50 anos na directiva do Alerta Club de Fútbol; a Alejandro de Miguel e Alberto Costas e unha homenaxe póstuma ao gran Alejandro Gómez, para a que estivo presente a súa muller, Paula Hernández.

A festa non da tregua en Mos e os actos programados con motivo da Rosa continúan hoxe mesmo na XIV Xuntanza de Palilleiras e labores en Costoias (Tameiga), para a cal se inscribiron 450 palilleir@s de todo o territorio galego e tamén nacional.

Outra das grandes protagonistas neste mes festivo, a música, estará de volta o vindeiro mércores, día 22, a partir das 19.00 horas no Pazo de Mos. Trátase do Festival Camiño da Rosa con Beny JR como cabeza do cartel que conforman Groove Amigos, Traffic House, DJ Pitty e Samue Peixe.

Un monólogo de Serio Pazos e a actuación teatral de Mulleres en Igualdade de Mos completan a programación. Ambos serán no auditorio de Torroso, o primeiro será o venres 24 ás 21.00 horas e o segundo o domingo 26 ás 19.00 horas.

E dentro dos eventos deportivos, queda por disputarse o I Torneo fútbol a pé. Será mañá domingo no campo de Coto Torrón do Club Louro Tameiga.

O libro da rosa

Xa se atopa rematado e en librerías o proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista, “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do cuarto título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”, “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

A obra está asinada por unha decena de autores galegos: Agustín Agra, Vicente Araguas, María Canosa, Francisco Castro, Raquel Castro, Miriam Couceiro, Xesús Fraga, Diego Giráldez, María Xosé Porteiro e Pura Salceda. Cadaquén escribiu un relato tomando a rosa como elemento inspirador.