O Parque Alba, en Torneiros, foi o escenario elixido para a primeira Quedada Literaria organizada no Porriño. Foron arredor de 400 estudantes procedentes de once centros educativos do municipio os que participaron desta iniciativa organizada polas bibliotecas dos propios centros en colaboración coa Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil.

Presentación da obra no centro cultural do Porriño. | // D. P.

O alcalde Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, achegáronse a compartir con todo o alumnado esta xornada e animárono a desfrutar da lectura nunha contorna tan especial como este parque e, sobre todo, da experiencia compartida co resto de nenos e nenas do Porriño. “Sacar a biblioteca á rúa e abrila a espazos onde poidan desfrutala xuntos axuda a mellorar a experiencia da lectura. Ler xuntos é máis divertido”, afirmou o rexedor.

Os cativos distribuíronse en varios grupos ao longo do parque e puideron practicar a lectura individual e a compartida. O grupo Migallas puxo o broche final a esta xuntanza literaria que rematou cunha merenda.

E. Costas presenta “Casa de feras”, Premio Vidal Bolaño

Unha fábula actual onde se abordan temas como o maltrato animal, as relacións de poder e a liberdade, así é “Casa de Feras”, de Edgar Costas. A obra vén de presentarse no centro cultural do Porriño logo de alzarse co galardón da cuarta edición do Premio Vidal Bolaño, certame organizado polo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia que veñen xa de convocar a quinta edición, cuxo prazo de presentación de orixinais remata o vindeiro 21 de xuño.

O autor estivo acompañado no acto do alcalde Alejandro Lorenzo, da escritora e secretaria do premio, Raquel Castro e de Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia quen subliñou que “con esta iniciativa estimúlase aos dramaturgos a crear obras dirixidas á mocidade. Un respaldo á cultura que coloca ao Concello do Porriño no centro da dramaturxia xuvenil. Non hai concello que poida compararse neste sentido”.

Pola súa banda, o autor convidou aos asistentes a descubrir “Casa de Feras”, unha obra que “agarda como todas as obras de teatro se complete saíndo a escena da man dos mozos e mozas”. E é que o Vidal Bolaño naceu co fin de fomentar a escritura de textos teatrais susceptibles de seren logo representados por alumnado de ESO e Bacharelato.