Oito días de degustación do mellor choco é o que está a vivir Redondela coa súa cita gastronómica por excelencia. Declarada de Interese Turístico de Galicia a Festa do Choco chega este ano a súa trixésimo quinta edición cunha morea de propostas culinarias acompañadas dunha ampla programación cultural que inclúe clown, maxia, malabares, acrobacias e moita música que deu comezo a pasada fin de semana e se retoma esta.

Hoxe haberá showcooking a cargo de Rafael Centeno, propietario e cociñeiro dun Estrela Michelín. Será ás 12.00 horas na carpa da Alameda de Castelao, onde á noitiña actuará a Rondalla de Redondela e mañá, ás 12.30 hora,s lerá o pregón o acto Luís Zahera.

A xornada do domingo será a última para degustar o choco nas súas diferentes especialidades nunha ducia de establecementos hostaleiros da vila que ofrecen diversos pratos co choco como ingrediente principal. En menú, tapa, ración ou pincho pódese tomar dende os tradicionais choquiños na súa tinta con arroz ata outros máis innovadores como hamburguesa, pizza, wrap ou salpicón de choco.

Non faltarán diversos espectáculos e concertos programados para estes dous días de festa. Esta tarde “Kaldi”, clown e aéreos da man da compañía Al Grano, e de seguido música con Harpo, Chico y Zeppo e Zeltia Irevire. Mañá, malabares e acrobacia con “Trasno”, de Pablo Reboleiro, e para rematar concerto de Crónicas Pop e da Orquestra de Saxos. As mañás estarán amenizadas coa música tradicional dos grupos de gaitas Os Xuvenís de Chapela e Asubíos de Cedeira, hoxe, e o grupo de baile e gaitas O Carballo das cen pólas, mañá.