O Concello de Tomiño vén de publicar as bases do “Circuíto Cultural” 2021 co obxectivo de promocionar un ano máis as agrupacións musicais tradicionais do municipio.

As bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns son as agrupacións que poden solicitar a inclusión no Circuíto Cultural. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño oscilan entre os 150 e 400 euros. Así, a máxima de 400 euros é para bandas de música; 300 euros para bandas de gaitas (con máis de 30 compoñente); 200 euros para corais, grupos de gaitas e treboadas e 150 euros para pandereteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns.

14.000 euros

O crédito orzamentario total para estas axudas é de 14.000 euros.

As solicitudes presentaranse a través sede electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro 2022. O impreso modelo pode descargarse de xeito electrónico na web municipal. O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.