Redondela xa está preparada para celebrar a súa cita gastronómica por excelencia. Declarada de Interese Turístico de Galicia a Festa do Choco chega este ano a súa trixésimo quinta edición cunha morea de propostas culinarias acompañadas dunha ampla programación cultural que inclúe clown, maxia, malabares, acrobacias e moita música.

Participantes nunha das visitas organizadas a San Simón. | //FDV

O choco nas súas diferentes especialidades poderase degustar dende o vindeiro venres 29 de abril ata o domingo 8 de maio. Será nunha ducia de establecementos hostaleiros da vila que ofrecerán diversos pratos co choco como ingrediente principal. En menú, tapa, ración ou pincho poderase tomar dende os tradicionais choquiños na súa tinta con arroz e a empanada e croquetas de chocos ata outros máis innovadores como hamburgesa, pizza, wrap ou salpicón de choco. Con prezos tamén moi variados e aptos para todos os petos, que oscilan entre, por exemplo, os 2,25 euros do pincho de risoto de chocos con tetilla, os 2,50 euros dunha empanadilla ou os 5 euros dun bocadillo aos 27,50 euros do menú máis caro, con primeiro e segundo prato, sobremesa, bebida e café.

A actividade cultural está programada para os venres, sábados e domingos. O espectáculo de clown e aéreos “C’est pas possible” da compañía Sempre Arriba abrirá a festa o vindeiro venres ás 18.00 horas na praza da Casa da Torre. Esa xornada haberá tamén dous concertos, de 33 RPM e de Broken Peach. RMS, High Paw ou o concerto tributo a Joaquín Sabina serán outras das citas musicais desa fin de semana na que tampouco faltarán os grupos tradicionais como Anaquiños e Pecios de Rande.

E propio dunha cita como esta son as demostracións culinarias en directo que protagonizarán dous Estrela Michelín. O sábado 30 haberá un showcooking con Lucía Freitas e o sábado 7 outro a cargo de Rafael Centeno, ámbolos dous ás 12.00 horas na carpa instalada na Alameda de Castelao.

Será na última xornada, o domingo 8 cando chegue o pregón, que este ano lerá o actor Luís Zahera, coñecido dende o seu papel de Petróleo en Mareas Vivas na década dos 90 ata o de Cesáreo en Operación Marea Negra e o de Ezequiel na serie Entrevías que se emite actualmente, pasando por múltiples personaxes na televisión, no cine e no teatro.

Rutas en barco a San Simón

O outro gran escenario da festa será a Enseada de San Simón, de onde procede o mellor choco da ría. E para coñecer esta contorna organízanse rutas en barco as dúas vindeiras fins de semana para as cales xa están as entradas á venda.

Haberá visita pola Illa e Enseada de San Simón o sábado 30 e domingo 1 ás 16.30 horas e o sábado 7 e domingo 8 ás 12.00 e ás 16.30 horas. Os sábados a saída é dende o porto de Cesantes e os domingos dende o peirao do Museo Meirande.

O prezo por persoa é de 4 euros. As entradas poden adquirise no Museo Meirande e na Oficina de Turismo de Redondela. No caso de esgotárense as prazas, a navieira ofertará novas visitas en curcerosangel.com